martes. 25.02.2020 |
El tiempo
martes. 25.02.2020
El tiempo

In memóriam Luisa Zarzuela

Luisa Zarzuela, en una rueda de prensa en 2018. ARCHIVO
Luisa Zarzuela, en una rueda de prensa en 2018. ARCHIVO

ESTOU CONVENCIDO de que o devandito "os que perduran na memoria non morren" é de plena aplicación á nosa amiga Luisa Zarzuela. O seu recordo vai permanecer sempre entre nós. E non pode ser doutra maneira porque era, sobre todas as cousas, unha boa persoa. E, ao final, iso é o que realmente importa. É a base sobre o que logo se forma todo o noso modo de ser. 

Era unha persoa xenerosa. Sempre estaba disposta a facer aquelo que representase un ben para os demais, sobre todo aqueles que máis necesitaban desa xenerosidade. 

Era unha muller reivindicativa no social. Ningunha inxustiza a deixaba tranquila, senón que loitaba, traballaba, convencía para unir na súa loita. Por iso foi unha loitadora incansable polos dereitos da muller que tantas veces lle foron negados, pagándoo mesmo coa maior das crueldades: a morte. Isto rebelaba a Luisa, e por iso quería unha fronte común de homes e mulleres. 

Era unha muller innovadora. No Concello tivo que traballar nunha área —servizos xerais— que era un fondo de saco que abarcaba desde estatística e cemiterio até o cartón cidadán pasando por informática e rexistro. A todo soubo atoparlle, buscando tamén o traballo inestimable dos funcionarios, un mellor servizo para os cidadáns. Así, do seu legado podemos lembrar entre outras moitas iniciativas moi apreciadas pola veciñanza, a posta en marcha de servizos como o teléfono 010 de atención cidadá, a organización das primeiras Ludus Party e dos almorzos saudables ou a posta en valor do cemiterio coa súa modernización, o que supuxo a entrada na Asociación de Cemiterios Significativos de Europa e na Ruta Histórica de Cemiterios Europeos. Era perseverante no seu traballo e, ademais, sempre buscaba complicidades para levalo a cabo. 

Era respectuosa cos compañeiros e tamén coa oposición. Tiña claras as súas ideas socialistas e defendíaas con afán, pero non por iso menosprezaba a oposición. Nunca lle ouvín unha frase de descualificación cara ao adversario. Como recia castelá 'cantáballas ao luceiro da alba' pero sempre coa palabra e, se era necesario, con ese sorriso que a definía. Por iso a lealdade ben entendida era a súa divisa. 

Acomodouse moi ben á nosa cidade e ao noso modo de ser. Mesmo á nosa propia lingua, facendo un gran esforzo para entendela e falala. Custáballe, pero quería ser tamén niso unha lucense máis. 

Luisa quería aos demais, sobre todo aos desfavorecidos. Pero era un exemplo de amor familiar. Sempre á beira de Iñaki e sempre, sempre lembrando e adorando os seus fillos. Contáronme os seus irmáns que tamén era o lazo de unión de todos eles. 

Luisa, é verdade que xa fisicamente xa non estás connosco, pero xa ves que no recordo, na memoria, que é a que conforma a nosa existencia, si estás. Por iso nunca morrerás.

In memóriam Luisa Zarzuela
Comentarios