Opinión

Pintor primitivo

EN VIDA nunca se preocupou polas formas. Daquela non ía facelo para morrer, que é un acto íntimo e sen protocolo. Era visto que buscaba atopala dese xeito tan primitivo. Só, doente, na súa cova primixenia, no picoroto dun monte, rodeado dos seus animais, aos que quería como auténticos compañeiros da existencia.

Ás veces falabamos dese intre derradeiro. Non estás moi só, Alfredo? Sempre o estiven.

A Alfredo gustáballe que o tiveran por rústico, pero nel ese era un título nobiliario. Non era rústico, era prehistórico, antediluviano, cromagnónico, duro coma un pedernal e con poucas concesións ao lirismo, nin sequera para poñer toda a súa sensibilidade en recoller as formas dos cabalos, das mulleres ou da paisaxe. A vida é así, cruel e desapiadada, pero a diferencia do seu curmán, Tino Grandío, que a vía en grises, el utilizou as cores máis vivas da paleta, porque era picassiano e rompedor. Dicía que asinaba Labajjo, non por Pablo Picasso, senón polo seu pai, Alfredo Rodríguez Labajo, catedrático de Matemáticas e director de todos os centros de ensino de Lugo. Eu non podo levar o seu mesmo apelido, porque el era un home serio e correcto, non un salvaxe coma min.

Cando xantabamos nun restorán e había moito ruído das conversas, pegaba un frémito estrondoso, propio das feras do bosque: Calade!!! e seguía a falar coma se non fose el quen berrara. El falaba quedo, sen altibaixos, acostumado a escoitalo todo na soidade da súa cova. Hoxe é el quen cala para sempre.

Non soubo venderse, agás unha tempada en Lugo á volta de Madrid, entre Os Ancares e Friol. Había diñeiro e a xente mercoulle obra. Logo, como cada día era máis troglodita e viña a Lugo en bañador, cando chamaba ás portas dábanlle largas. Aínda así tivo dúas exposicións das que quedou moi satisfeito, na Deputación Provincial de Lugo e na Casa de Galicia en Madrid. Tivo que poñer gravata unhas horas e afogaba.

En Lugo hai xente con ducias de cadros seus. Un investimento en arte prehistórico.

Agora virá algunha homenaxe e Alfredito non poderá asistir. Xa chamarás para xantar un cocido no Mesón de Crecente, ou onde os poñan como mandan as sagradas escrituras.

Comentarios