Sábado. 25.05.2019 |
El tiempo
Sábado. 25.05.2019
El tiempo

Don Antonio Fraguas

COÑECÍN a don Antonio na vella facultade de Letras da USC un día de outono sendo alumno da materia que el impartía e a miña primeira impresión, eso que Edwar Thorndike chama "efecto halo", que se cosolidou ao longo do curso, foi que tiñamos diante un profesor que semellaba ser un paisano ilustrado, pero na realidade era un galego exemplar, tan humilde nas súas formas como erudito nos seus saberes.

A súa humanidade e o seu proceder eran unha lección práctica de bos modales, de respecto e tolerancia a tódalas ideas. Por iso é máis indignante que persoa tan íntegra e bondadosa fora represaliada pola crueldade da ditadura, unha etapa moi dura da súa vida que anos despois recordaba sen rancor.

Asistir ás súas clases era unha delicia. Sobre todo cando nos permitía "desviarnos do programa" para preguntarlle sobre aspectos da historia, da antropoloxía ou da etnografía e folclore de Galicia, a materia que el levaba na súa cabeza. Tiven a satisfacción de que aquela primeira relación profesor-alumno continuara despois durante anos e considérome un privilexiado por ter botado con el longas parrafadas sobre as vellas tradicións e arraigados costumes do noso pobo; por escoitar os seus relatos sobre as festas e romarías, sobre os maios ou sobre os vellos oficios que xa ían desaparecendo naquela Galicia que valoraba máis o pragmatismo e a utilidade das cousas "de fábrica" que as do mundo artesán.

Un, que naceu nunha aldea, imaxinaba a don Antonio recreando Galicia nas vellas lareiras, nas noites da esfolla do maínzo, nos días das mallas ou falando cos labregos e mariñeiros, canteiros e carreteiros para recoller cantigas, ditos dos máis vellos ou a súa xerga peculiar.

Ó seu carón, no salón das súas casas cheas de libros —Doutor Teijeiro primeiro e Montero Ríos despois— ou paseando polas rúas de Compostela aprendín a gran lección de amar Galicia que el describiu —nunha entrevista firmada por Benxamín Vázquez para a revista Outeiro que eu dirixía— como "unha terra, unha alma, unha cultura, unha onda oceánica que nos leva lonxe, moi lonxe, quizais ó infinito".

Pleno acerto o da Academia adicando o Día das Letras a este galego eminente. Aínda que, coñecendo a súa humildade, non estaría moi entusiasmado porque, dicía: "Eu non fixen ningún milagre como para pregoalo por aí adiante". O milagre, don Antonio, son a súa vida e a súa obra comprometidas con Galicia.

Un exemplo para os galegos de hoxe que ogallá saiban recoller as xeracións futuras.

Don Antonio Fraguas
Comentarios