Opinión

Visto e non visto

MANUEL FRAGA TIÑA unha confesada admiración polo sistema político inglés. Un partido no goberno, outro na oposición e alternancia no mando segundo soprara o vento das eleccións. Un modelo que garante a estabilidade, xunto con outros ingredientes, que tamén contribúen ao mesmo propósito e que van na liña de dotar de axilidade ao proceso electoral. Acabámolo de ver; o xoves votacións, pola noite reconto e o venres a primeira hora Cameron visitaba á raíña en Palacio para que o encargara de formar goberno; a iso da media tarde xa estaba a nomear ao novo consello de ministros. Todo resolto en apenas 24 horas. Compárese con Andalucía, onde xa votaron hai nada menos que mes e medio e aínda non saben se chegarán a ter novo goberno, despois de moito platicar e enredar. Claro que o partido conservador inglés ven de obter unha esmagadora maioría absoluta mentres que Susana Díaz, que quixo vender que ela tamén esmagara, apenas acadou a maioría relativa. Sen embargo, hai un detalle que non podemos pasar por alto. De feito, a porcentaxe de voto que tiveron os socialistas andaluces e os conservadores británicos foi similar (arredor do 35%). Isto quere dicir que o sistema británico está pensado para que se poida acadar maioría con certa comodidade. Porén, o que semella vantaxe ten tamén o inconveniente de que fai que o parlamento británico non sexa de todo representativo. Sen ir máis lonxe, o partido xenófobo UKIP foi quen de acadar case catro millóns de votos, un 13%, que apenas se viron recompensados con un escano, dun total de 650. Pola contra o partido escocés, coa terceira parte dos votos, acadou preto de 60 escanos. Non se pode dicir que o novo goberno de Londres non sexa lexítimo, porque esas son as regras de xogo. Pero tamén é certo que estas permiten que dúas terceiras partes do país queden á marxe. Moitos deles agardaban estas eleccións para poñer fin a un período no que as cousas non foron todo o ben que semella. Non é un segredo que os servizos públicos prestan cada vez menos servizo e sorte teñen os que poden pagar a sanidade e a educación privadas. Por outra parte, non deixa de ser paradoxal que o partido que ven de gañar e vai gobernar en todo o país non teña presenza algunha en Escocia, sendo apenas testemuñal en Gales e todo o norte de Inglaterra. Hai xa tempo que se di que este país, como outros en Europa, se está a fragmentar socialmente. Pola contra, o Parlamento convértese nun bloque compacto. Pero unha cousa son as aparencias e outra a realidade.

Comentarios