Opinión

Ver na escuridade

CADA DÍA ESTÁ menos claro que é o Terceiro Mundo, un termo que empezou tendo un significado político, pero que pronto adquiriu connotacións de tipo económico e social. Isto quere dicir que axiña serviu para referirse aos países subdesenvolvidos ou máis prosaicamente, aos pobres. Entre nós, mencionar a palabra terceiromundista supón aludir a unhas condicións de vida ou de prestacións de servizos inaceptables. Así é frecuente que se aplique a escolas, hospitais ou estradas cando se quere facer unha denuncia do seu estado de mantemento e, sobre todo, cando se quere reivindicar un sector público de calidade. Pouco a pouco, o club do Terceiro Mundo foi perdendo membros ata quedar reducido practicamente ao continente africano.Hoxe non ten sentido incluír neste grupo de nacións a China, a gran factoría do mundo actual, ou aos países do Golfo, que nadan na abundancia dos petrodólares. Claro que aparecen candidatos por outros sitios.

Un país a escuras, unha revolución que perdeu o rumbo e se devorou a si mesma

Un caso emblemático é o de Venezuela, que desliza polo tobogán cara ao abismo. Nun primeiro momento, quíxose facer ver que sufría unha crise pasaxeira e, de paso, se culpaba aos Estados Unidos e ao capitalismo por querer boicotear a revolución. Esta foi tamén a mensaxe que nos quixeron vender algúns partidos españois. Conspiracións a un lado, as imaxes que nos van chegando falan por si mesmas, particularmente esas ringleiras de xente desesperadas por comprar subministros básicos, mentres os estantes dos supermercados quedan baleiros. Con todo, son os cortes de luz o último e máis simbólico episodio do dramático final dun réxime. Oficialmente decretáronse catro horas ao día sen fluído eléctrico, pero en moitas zonas do país os cortes son esporádicos e de duración indeterminada. Un país a escuras, unha revolución que perdeu o rumbo e se devorou a si mesma. Hai exactamente un ano, vivín en Turquía esa mesma desconcertante experiencia de quedar a escuras durante case un día. Todo o país estivo paralizado sen que ningún cargo dera a máis mínima explicación; setenta millóns de persoas estiveron sen transporte público, telefonía e outros servizos, outros quedaron atrapados en ascensores. Mentres, o goberno gardaba silencio; co paso do tempo, foise sabendo que o apagón se debera a varios fallos técnicos en cadea, pero tamén a un deficiente mantemento, que ninguén quería recoñecer, máis que nada porque Turquía agora quere xogar na liga europea e ninguén está cómodo no club dos terceiromundistas. Precisamente onde Chávez e Maduro veñen de situar a Venezuela; por falta de luces.

Comentarios