Opinión

Varas de medir

ANTE A próxima celebración do día da Constitución, son varios os grupos políticos que xa anunciaron que non participarán en ningún acto de celebración. En xeral, este rexeitamento ten que ver con diversos déficits democráticos que se atopan no presente ordenamento xurídico ou coa denuncia do actual réxime como herdeiro do franquismo. Co gallo da morte de Adolfo Suárez estes mesmos grupos negáronse a votar nas Cortes unha declaración institucional de homenaxe ao falecido; as causas, as mesmas.

Non vexo nada criticable nesta actitude, xa que cada un pon o nivel de esixencia ao respecto das liberdades públicas segundo a súa conciencia individual ou a ideoloxía política, de xeito que é normal que nun sistema que aparentemente ten todas as formalidades dunha democracia haxa persoas ou grupos que pensen que non se garanten todos os seus dereitos. Agora ben, resulta difícil falar de coherencia en relación a estes partidos políticos cando, nesta volta con ocasión da morte de Fidel Castro, se emiten eloxios tan vivos e, sobre todo, cando representantes públicos como unha deputada galega dixo de Fidel que era "un referente da loita polos dereitos humanos". E non foi a única.

Neste senso, semella que unha parte do mundo aínda quere crer nas verbas do propio Castro, cando declaraba nunha entrevista publicada hai anos en El Progreso, reproducida estes mesmos días, que Cuba era o país máis libre do mundo. Pero Fidel, que era moi intelixente, sabía que cando dicía isto en realidade estaba a usar unha licenza retórica, una especie de metáfora ou mesmo unha metonimia. El mesmo era a cabeza dunha "ditadura do proletariado" na que, como tal, ninguén máis que os membros do partido comunista estaban lexitimados a opinar. En Cuba, non é que non haxa eleccións, partidos ou sindicatos libres, por non haber non hai nin enquisas.

Por iso, cando vemos esas ringleiras de xente rendéndolle o último tributo ás cinzas do comandante, e dando por bos os motivos dos que alí están, sempre nos queda a dúbida de cantos son os que discrepan; ninguén o sabe, nin ao réxime lle preocupa sabelo. Onde están os discrepantes, entón, os que teñen dereito a disentir, como fan os que non celebran a Constitución en España.

Porque máis alá dos centenares de penas de morte asinadas por Fidel, da restrición do dereito de movemento ou da liberdade de expresión, que mesmo abrangue o uso da internet, paréceme incontestable o feito de que a policía da Habana estea parando os coches que levan música conectada e vixiando os bares para que non sirvan alcol. Iso tamén ocorría en España cando había loito relixioso por Semana Santa. Era obrigatorio para todos, por iso aquelo se chamaba ditadura.

Comentarios