Opinión

Un mundo feliz

UNHA REPORTAXE publicada por El Progreso a pasada fin de semana facía alusión á precariedade na que viven moitos mozos españois en Inglaterra. Hai cousa dun ano presenciei nun bus de Londres como unha desas rapazas choraba de rabia mentres contaba aos seus amigos que o seu pobre inglés non chegaba nin para protestarlle ao xefe pola explotación á que estaba sometida. Efectivamente, foron moitos os que atoparon en Europa a oportunidade laboral que España lles negou. A algúns foilles ben, pero non todos triunfaron. Entre outras cousas, porque chegaron a países nos que os seus propios cidadáns están a coñecer condicións de traballo que hai anos darían lugar a folgas xerais. Mesmo en Alemaña xa falan abertamente de ‘mini-jobs’, para referirse a eses empregos que non dan para vivir. Mención aparte merece o tema da sobre-cualificación. Segundo as estatísticas do ano 2014, unha gran parte dos empregados dos parques de atraccións británicos teñen unha carreira universitaria. De pouco lles valeu un título que lles resultou moi caro, xa que actualmente as matrículas en Inglaterra pasan dos dez mil euros por curso. Un día dixéronlles que os estudos eran unha boa inversión, pero agora a sociedade non atopa un lugar acorde coa súa preparación. Moitos culpan desta situación á crise, dando por feito que, como sempre ocorre, algún día virá a recuperación ou, polo menos, o que Zapatero chamaba os brotes verdes. Pero teño certo temor a que as causas deste desastre sexan estruturais e que, por tanto, teñan difícil remedio. Penso que realmente a crise está no cerne dun modelo económico e social que Europa, e tardiamente España, quixo pensar que duraría para sempre. Ese modelo baseábase no feito de que China fabricaría para nós, mentres outros países do Terceiro Mundo nos irían fornecendo de materias primas, minerais e alimentos. Todo a prezos tan baratos que non pagaría a pena que aquí se traballara. Así se pecharon as minas de Asturias e León, porque era máis rendible importar o carbón de América; afundíronse os asteleiros de Ferrol e das Rías Baixas, porque Corea construía máis barato; as fábricas de mobles caeron polo ascenso do prefabricado estranxeiro, así como desapareceron as empresas de confección, substituídas por etiquetas ‘made in Vietnam’. Agora estamos a liquidar a industria do leite, como xa se fixera antes con todo o que se producía no agro. Dixeron que Europa e Norteamérica se encargaría dos cómodos traballos de oficina e camisa branca. Un paraíso das clases medias, e o diñeiro rápido. E así foi para os máis listos. Tanto, que botaron a correr co botín e non pararon ata chegar a Panamá.

Comentarios