Opinión

Tradicións

Podería dicirse que a raíña británica recibe a dedicatoria por méritos propios, pero haberá quen pense que hai algo desa adoración que se lles dá aos santos

O PARLAMENTO inglés vén de tomar unha drástica decisión. De agora en diante, deixarán de publicar os documentos legais en soporte pergamiño, feito con pel animal, e pasarán a usar no seu lugar o papel. Xa se pensara nesta solución hai tempo, pero estamos a falar dun país no que as tradicións contan moito. Ás veces semella que demasiado, e para un estraño tales usos e costumes poden parecer fora de lugar. Estou a pensar, por exemplo, nesas perrucas de tirabuzóns brancos que levan os xuíces, que algún día terán que ser gardadas nos armarios, por aquilo da modernidade. Pero aínda poden pasar décadas antes de que se tome unha decisión deste tipo, xa que, por exemplo, tardaron setecentos anos en substituír o francés como lingua oficial nos tribunais de xustiza. Este uso comezou coa conquista dos normandos no século XI, en plena Idade Media; cando decidiran cambialo polo inglés, xa non quedaba nin rastro do uso da lingua francesa entre a poboación. Pero o caso máis emblemático de apego ás tradicións témolo na institución monárquica. Xa se sabe que en Europa quedan reinos como Suecia, Noruega ou Dinamarca. Coincidiume estar en Holanda en 2013, o día da coroación do actual rei Guillerme, e puiden comprobar como esta institución ten un grande apoio e simpatía popular. Pero nada é comparable co caso británico, onde o apego a Buckingham Palace é enorme. Aparentemente, a raíña apenas realiza tarefas cerimoniais e dá a impresión que á súa avanzada idade non ten ningún interese por intervir na política. Pero non é así; ela mantén reunións frecuentes cos xefes de goberno, aos que convida todos os anos a unha estancia na súa residencia de verán en Escocia. Precisamente cando se planteou a separación desta rexión no pasado referendo, e todo semellaba perdido, Cameron, un primeiro ministro desesperado, apelou á propia raíña para que interviñera. Foi entón cando dixo, sen dicir, que ela tamén estaba preocupada e que agardaba que os escoceses pensaran ben o que ían votar. Finalmente foi quen de que o Reino Unido puidera continuar con este nome. Por iso non me estraña que se teña decidido que a máis moderna liña de tren e metro da rexión de Londres, que ata o de agora se chamaba Cross-rail pasará a chamarse Elizabeth, cando comece a funcionar alá polo ano 2019. Podería dicirse que a soberana británica recibe a dedicatoria por méritos propios, pero haberá quen pense que tamén hai algo desa adoración que se lles da aos santos.

Comentarios