Opinión

Tirón de orellas

VIVIMOS TEMPOS estraños. Penso nesa xente que vai mercar roupa nova, pero pide que lla dean con aspecto de vella, mesmo se ten algún roto mellor. Son pezas de marcas caras, porque o proceso industrial é complexo. Hai que someter a prenda a un bombardeo con area a presión ata acadar o acabado desexado. Para que os ricos poidan cumprir este capricho, os traballadores do Terceiro Mundo teñen que pagar unha peaxe, en forma de enfermidades como a silicose. Unha vez que logramos acabar con esta antiga praga dos mineiros, agora exportámola por mor dunha moda ou antollo. As modernas sociedades desenvolvidas teñen tics narcisistas e pasan por alto as consecuencias das súas decisión.

Estas actitudes tamén teñen reflexo no comportamento político. O feito de elixir para cargos de representación a persoas cun perfil extravagante ou incompetente pode interpretarse como un xeito de rebeldía e protesta contra a política tradicional. Pero eu tamén vexo unha actitude de indolente irresponsabilidade por parte dos votantes. Comprendo aos miles de italianos que votaron polo Movemento 5 Estrelas hai dous anos seducidos pola mensaxe ecoloxista e anti-europea; pero foron máis de oito millóns de votos para un personaxe como Beppe Grillo, ata entón un recoñecido humorista. Claro que moitos deses votantes axiña foron desencantados cando viron, por exemplo, que a súa mensaxe de esquerdas non era obstáculo para unirse no parlamento europeo aos representantes de extrema dereita e neofascistas. Afortunadamente para os italianos con sentido común, o grupo de Grillo non acadou postos no goberno, feito que tería desembocado nun auténtico vodevil. En apenas dous anos, o grupo parlamentario foi desangrándose a un ritmo vertixinoso, ata perder por expulsión ou abandono preto de vinte deputados e outros tantos senadores.

Agora mesmo estamos asistindo, con sorpresa e estupor, ao ascenso político de Donald Trump. A súa incorrección política tiña que ser abondo para que os electores lle volveran as costas. Insultou a diversas mulleres, con estúpidos comentarios machistas; dos latinos dixo que son na súa maioría violadores e criminais, pola contra, dixo duns indesexables que patearon a un mendigo hispano, que eran patriotas impulsivos; o seu odio aos falantes de español é tan evidente que baseou os ataques ao seu contrincante Jeb Bush no feito de que estea casado cunha mexicana. Por se isto non fora abondo, ten un pasado empresarial moi escuro, incluíndo varias quebras que arruinaron a moita xente honrada. Todo un impresentable que está a sorprender a propios e estraños enchendo as urnas de votos nas primarias americanas. Detrás desa admiración só pode haber ignorancia que, casualidades da vida, rima con arrogancia.

Comentarios