Opinión

Ser ou non ser

CORBYN, O líder laborista inglés, non está a pasar os mellores momentos. Como sucede tantas veces en política, os principais ataques proceden do seu propio partido, malia que, loxicamente, tamén o partido do goberno atízalle arreo. Cameron, o primeiro ministro conservador, vén de facerlle unha demoledora crítica na que non fixo falla recorrer ao insulto. Foi escollendo citas de obras e títulos de Shakespeare para construír a imaxe dun home inconsistente. Puido facelo así porque, efectivamente, Shakespeare ten dito todo sobre o que ten que ver co humano. No 2016 falarase moito del porque se celebra o catrocentos aniversario do seu pasamento, pero o certo é que desde entón nunca pasou desapercibido. Como proba temos que estes días se estrea nos cines unha nova versión de ‘Macbeth’, que se ven a sumar aos centos de adaptacións anteriores de clásicos shakesperianos. Algúns personaxes pasaron a formar parte do acervo cultural de todos nós, como Romeo e Julieta, representando o amor; Otelo, exemplo de ciúmes; ou Hamlet, coa súa recordada dúbida perenne. A complexidade e riqueza deste autor é tal que se teñen buscado teorías alternativas sobre a autoría da súa obra. Hai quen non comprende que un humilde rapaz, con escasos estudos, fora quen de poñer en marcha o maior proxecto teatral coñecido ata o de agora. Porque el era un home de teatro integral. Non só escribía, senón que tamén facía de empresario, director de escena e todo canto fixera falla para que aquel negocio funcionara. E claro que tiña resposta da audiencia; hoxe semella que as súas obras están dirixidas a unha elite con pretensións intelectuais. Naquela época o seu teatro era tan popular como agora o fútbol. Precisamente, por ese carácter de espectáculo de masas, cando chegaron os puritanos ao poder decidiron prohibilo, asociado como estaba a outros vicios como a bebida, o xogo e a prostitución. Pero o seu labor nada ten que ver co calculado guión dos programas de televisión orientados ás grandes audiencias. Auténtico lixo, comparable nos seus efectos tóxicos á comida rápida. Shakespeare compuxo as páxinas máis fermosas en lingua inglesa, e converteuse en inmortal. Incomprensible, para algúns; pero posible se temos en conta a existencia de xenios como Mozart, que xa compoñía con cinco anos, ou Einstein, que formulou con vintecinco as leis da física que se anticipaban ao seu tempo. Aí radica a grandeza da humanidade, e o grande misterio da creación do mundo e da evolución das especies. Custa crer que todo o que existe, e mesmo a xenialidade humana, sexa produto do azar.

Comentarios