Opinión

Señas de identidade

UN DEPUTADO en Cortes confesaba estes días que era charnego pero que se sentía catalán. Mestizo e pura sangue, á vez. Este debate sobre a identidade estase a xeneralizar, facéndome lembrar aquela liña de T.S. Eliot "Non son ruso; son de Lituania, alemán de toda a vida". Os continuos cambios no mapa e os movementos migratorios fan da mestura de culturas unha constante en todo tipo de sociedades e de épocas. A propia toponimia reflicte cambios políticos que arrastran conciencias e identidades; a actual Gdansk polaca foi outrora a alemá Danzig; a Trieste italiana tivo tamén pel austrohúngara, co nome de Triest, e eslovena, baixo a denominación de Trst;

En Nova Zelandia están a discutir se aínda se senten británicos ou xa é tempo de atopar unha identidade distintiva, como xa o fixeran os seus veciños australianos

Constantinopla semella unha extinta cidade encapsulada nos libros de historia, malia que hoxe é unha das cidades máis dinámicas do mundo a que chamamos Istambul: foi romana e bizantina, agora presume de musulmá. Neste baile de identidades, coñezo máis dun viaxeiro que se confundiu viaxando por terras belgas, por non decatarse que Liège, Luik e Lüttich son a mesma cidade, baixo identidades diferentes, segundo a comunidade lingüística que a habita. O debate sobre o ser agudízase en determinadas épocas e lugares. Velaí o caso de Gran Bretaña que, en apenas uns meses, terá pasado por dous referendos, o primeiro por ver se se disgregaba como nación, segregando a Escocia, e o segundo na procura de decidir se rompe amarras ou fica ancorada definitivamente a Europa. No outro extremo do planeta, en Nova Zelandia, están a discutir se aínda se senten británicos ou xa é tempo de atopar unha identidade distintiva; xa o fixeran os seus veciños australianos hai un par de décadas. A situación destes dous países semella unha anomalía, xa que seguen a ter como xefa de Estado á raíña Isabel, e as súas bandeiras están inspiradas na Union Jack. Nin os vinte mil quilómetros de distancia, os máis de cen anos de percorrido como países independentes ou a diversidade racial e a multiculturalidade, foron quen de borrar a especial relación coa antiga metrópole. Hai quen se sinte cómodo formando parte da diversidade, da hibridación; pola contra, outros miran para dentro na procura de aquilo que os singulariza, que os fai distintos. O caso máis dramático é o destes rapaces musulmáns europeos que non se integran na cultura e a sociedade que os viu nacer e optan por identificarse cunha patria mítica, mestura de política e relixión, de luxuria tropical e sanguento gore medieval.

Comentarios