Opinión

Pim, pam

O MOVEMENTE que rexeita ter cadros do pintor Renoir nos museos estadounidenses está integrado por apenas media ducia de chalados. Un deles saíu á rúa cunha pancarta na que se le: «Deus odia a Renoir». O curioso é que isto ocorra nun país no que calquera tolo deste tipo pode ter trece armas no armario da casa. Xa que logo, día tras día cométese un masacre en calquera lugar público, especialmente en escolas e campus universitarios,que exercen unha estraña atracción para ese tipo de lunáticos. O presidente Obama di, compunxido, que hai que limitar o dereito a posuír un arsenal. Semella afectado polo último episodio violento no estado de Oregón, no que morreron dez persoas. Nada comparado coa aterradora cifra de trinta mil mortos por armas de fogo nos Estados Unidos cada ano; dez mil nenos e rapaces resultan feridos polo mesmo motivo. Malia todo, a postura do presidente segue a ser minoritaria. Moitos cidadáns de Oregón reaccionaron ante as noticias do masacre facéndose con máis armamento.

Apenas Obama, un presidente en retirada, ten o valor de criticar un costume social tan arraigado, que chega a considerarse como un dereito constitucional

Este espírito militarista está apoiado pola Asociación Nacional do Rifle, que conta con cinco millóns de socios. Entre eles, estiveron persoeiros ilustres como os presidentes Kennedy, Reagan e Bush (pai). Máis da metade dos americanos senten simpatía por este grupo, particularmente os votantes republicanos. Apenas Obama, un presidente en retirada, ten o valor de criticar un costume social tan arraigado, que chega a considerarse como un dereito constitucional. O resto da clase política prefire calar, cando non xogar un papel de Rambo que da réditos electorais. Este é o caso de Scott Walker, quen ven de propoñer a construción dun muro de separación na fronteira co Canadá, como medida de protección frente ao terrorismo. Un auténtico disparate; en primeiro lugar, polo que ten de imposible, xa que ambos países están separados por unha raia de nove mil quilómetros, unha distancia maior que a que vai de España a Afganistán. Pero aínda é unha idea máis absurda por ser Canadá un país moito más seguro (por non dicir civilizado) que os propios Estados Unidos. A taxa de homicidios vén a ser seis veces menor. Se este señor tivera algo de cabeza, debía propoñer ese mesmo muro para mellor protección dos canadenses frente a tipos coma el. Por certo, Scott Walker non é un calquera, é o gobernador de Wisconsin que, por se alguén non o lembra, é un estado máis grande que Dinamarca, e dunha poboación similar. Tamén é candidato á presidencia polos republicanos. O problema é que algún outro aspirante (léase Donald Trump, por exemplo) é peor. Cando parecía que peor, imposible.

Comentarios