lunes. 14.06.2021 |
El tiempo
lunes. 14.06.2021
El tiempo

Persoas correntes

A APARICIÓN de varios políticos en programas de variedades en televisión vai máis alá dunha pretendida humanización do personaxe. Ademais dunha estratexia electoral ou un intento dos medios por captar audiencia, ten que ver co proceso de desacralización do poder e do principio de autoridade.

Trátase do mesmo fenómeno que xa ten convertido aos pais e a os mestres en amigos dos nenos, poñéndoos ao mesmo nivel xerárquico. Sabémolo ben cando se empeza a falar das agresións dos fillos aos pais, ou da violencia exercida contra os docentes. No ámbito universitario, malia que aínda se conservan algúns dos protocolos e regras de cortesía do monacato, xa é habitual que se celebren os Claustros baixo custodia de forzas de seguridade, tal e como acontece nas institucións parlamentarias; nalgunha ocasión excepcional, de triste lembranza, mesmo tiveron que actuar para protexer aos cargos académicos.

Ese comportamento iconoclasta explica tamén que calquera reunión política internacional se teña convertido nun evento de alto risco, con un despregue policial e militar asimilable a un estado de sitio. Velaí os incidentes ocorridos en París con ocasión do cumio sobre o cambio climático. A protesta pacífica, en forma de cadea humana, acabou en disturbios, cando guindaron á policía as velas que servían de memorial das vítimas dos ataques islamitas de días anteriores. Por qué chegaron a mesturarse as bágoas polos inocentes asasinados coas producidas polas bombas lacrimóxenas? O tema do cumio era o de menos. Suponse que os grupos de rapaces que quixeron boicotear o acontecemento son os mesmos que teñen unha alta conciencia ecolóxica.

Pero o feito de ter en París aos xefes de Estado e de goberno de preto de douscentos países era unha ocasión que non se podía desperdiciar para montar unha protesta que estivera ao nivel das que xa se viran antes, co gallo de reunións de temática económica ou militar. De seguro que algún manifestante xa tiña estado en algunha delas porque, de feito, existe un xeito de turismo anti-sistema. Contra o que puidera parecer, nada hai de revolucionario nestas actitudes, xa que non se propón ningún modelo alternativo viable.

Forma parte do movemento de desestabilización posmoderno, que abrangue diversas áreas de pensamento e mesmo das artes. Igual que en anteriores momentos de cambio social, este fenómeno ben podería dar paso a un avance social, aínda por determinar. Pero tamén pode conducir á un retroceso da civilización ou a substitución por modelos que considerábamos superados. Prefería ver aos nosos dirixentes no seu rol tradicional, como referentes da teoría e o pensamento político. Agora queren parecerse aos personaxes da farándula; pero o espectáculo circense xa estaba ben cuberto.

Persoas correntes
Comentarios