Opinión

O que somos e o que temos sido

CUSTA CRER QUE o que está a ocorrer en Oriente Medio sexa verdade. A destrución de monumentos históricos por parte do chamado Estado Islámico é a mostra máis visible da irracionalidade dunha causa. Porque as pedras que soportan as súas iras en nada atacan nin contradicen fe relixiosa algunha, e moito menos o Islam. Son apenas testemuñas dunha época pasada, anterior á propia relixión mahometana. Os radicais teñen que saber que Mahoma foi unha figura histórica que viviu no século VI da nosa era. Antes dese tempo xa había vida, e o que é máis importante, vida intelixente neste planeta, e máis concretamente na zona de Oriente e Mesopotamia onde eles agora impoñen o terror e o fanatismo máis ilóxico. Tamén deben coñecer que a expansión do Islam foi gradual, de xeito que tardou máis de dous séculos máis en chegar a lugares como Pakistán. Por moito que este país se chame hoxe en día República Islámica, como tamén ocorre en Irán, o feito é que en ambolos dous países anteriormente xurdiron e conviviron diversas culturas como a dos vedas, a alexandrina, a budista ou a hinduísta. Pretender esquecer este pasado é absurdo porque seguramente polas venas dos radicais corre sangue de todas esas xentes. Seica a metade dos europeos descendemos da chamada nai Helena, un ancestro común. Todos somos mestizos, o resultado da mestura de pobos diversos que se van amalgamando. A nosa identidade galega se basea fundamentalmente na nosa fala, que non e outra cousa que a evolución do latín. Así que, de algún xeito, todos somos romanos, pero ao tempo somos castrexos, suevos e xudeus. Igual que eses islamitas seguramente son tamén resultado do cruce de xentes e culturas. Hai que ter en conta que a maioría dos musulmáns non falan a lingua coránica, o árabe. Desde Irán ata Indonesia, apenas saben entoar algúns rezos nesta lingua, porque na súa vida cotiá falan farsi, urdu ou javanés. Para emprendela a golpes cos monumentos milenarios abonda con ter modernos taladros e palas mecánicas, por certo todos eles importados de países herexes. Mais isto deixa en evidencia a ignorancia dos que se empregan nesta destrucción cega, non só con respecto á arte, senón sobre a súas auténticas raíces. Moitos personaxes procuraron a pureza de sangue ao longo da historia, desde os Reis Católicos ata Hitler, máis á luz dos coñecementos científicos actuais está claro que destruíndo aquello que pensamos que nos é alleo tamén estamos a atacar un pasado común que nos pertence a todos como seres humanos que somos. Malia que algúns non o parezan.

Comentarios