Opinión

Motores distintos

Segundo Cain, a fortaleza dos introvertidos está na súa capacidade para dirixir ás persoas máis dinámicas, porque son capaces de escoitalas e deixalas facer


MANUELA CARMENA, alcaldesa de Madrid, cando facía xusto seis meses da súa toma de posesión, declaraba estar arrepentida de terse presentado para ocupar o cargo. Este arranque de sinceridade, sorprendente nun político, podería deberse as múltiples preocupacións, ao traballo esgotador ou ás críticas que abundaron no seu curto mandato. Con todo, penso que o que máis lle pesa é a perda da intimidade ou, como ela tamén manifestou, dos momentos para estar en soidade.

Tal afirmación levaría a calquera psicólogo a diagnosticar unha personalidade introvertida. En suxeitos desta condición, a vida interior sempre é máis importante que as relacións sociais; mesmo o pensar prevalece sobre o actuar. Nun caso extremo, un home como o poeta Wordsworth recoñece que non é capaz de gozar da fermosura dunha paisaxe ata que, xa de volta á soidade da súa casa, converte esa sensación nunha lembranza. Calquera podería dicir que este tipo de personalidade non é apta para dedicarse á política e, xa que logo, que a carreira de Carmena está destinada ao fracaso. Malia todo, a escritora norteamericana Susan Cain, argumentou nun famoso libro titulado O poder dos introvertidos nun mundo que non para de falar, que a sociedade benefíciase en moitos sensos da existencia de xente como Lincoln, Darwin ou Obama, todos eles tendentes á introversión. Outro caso notable, que eu engadiría, é o de Rajoy. Non había máis que velo durante a entrevista que lle fixo Bertín Osborne nun programa que ten máis de entretemento que de información, e ao que seguramente el non foi de boa gana, a non ser pola circunstancia de estar en plena campaña eleitoral, na que un minuto de televisión vale por cen de mitin. Durante a conversa, Rajoy recoñeceu a fama que ten de coitado. Mesmo declarou que o seu mellor momento é cando se retira pola noite a charlar cos cativos ou a ver o fútbol coa súa muller. Precisamente, grazas a libros como o de Susan Cain chegamos a explicarnos como unha persoa con ese perfil pode postularse para xefe de goberno e estar loitando por un novo mandato despois de máis de trinta anos de carreira política e de ocupar cinco ministerios. Segundo Cain, a fortaleza dos introvertidos está na súa capacidade para dirixir ás persoas máis dinámicas, porque son capaces de escoitalas e deixalas facer. Xa que son amantes do seu espazo, nunca se expoñen completamente. Claro que o que para algúns é virtude, para outros é defecto. Hoxe domingo, alá polas oito da tarde, saberemos se os electores escolleron gasolina ou diésel para pilotar un coche, marca España.

Comentarios