miércoles. 23.09.2020 |
El tiempo
miércoles. 23.09.2020
El tiempo

Mirade como vos engaño

CANDO GEORGE Bush (pai) estaba metido de cheo na campaña electoral dixo que el non subiría os impostos en ningún caso. Esto era no mes de xaneiro pero á altura de xuño, sendo xa presidente, Bush xa os tiña incrementado. Sería fácil facer comparanzas co caso de Rajoy, cando afeaba unha e outra vez a Rubalcaba ter subido o IVE; ou cando unha pizpireta Esperanza Aguirre propoñía que a xente se rebelara contra as novas taxas impostas polo PSOE .

O propio Rajoy, lembrando que de cando en vez Fraga rebaixaba o nivel intelectual do seu discurso (falando dos chícharos, por exemplo) fixo aquela promesa de que el non subiría o prezo das chuches. O que veu despois é coñecido. Non só subiu os caramelos senón que os rapaciños tiveron que pagar un novo Ive polo lapis e o caderno para o colexio. Loxicamente, desde entón o presidente leva esa espiña cravada. Quere baixar os impostos en canto a economía mellore e mesmo o ministro de economía xa anunciou esa medida na pasada campaña electoral. Malia que son boas novas, eu estaría por pedirlle ao goberno certa calma neste asunto. Porque baixar impostos neste momento, quere dicir que se dá por boa a situación do ensino e da sanidade pública, ou do estado das estradas, das que a maioría, que tanto custou construir, semellan agora pistas para un rally no terceiro mundo, por abandono e falla de mantemento.

Ese rapaz frustrado, que leva anos preparando unha oposición que nunca se convoca, acabará por marchar ao estranxeiro

Cando unha persoa debe agardar máis dun ano por unha cita médica, cando a policía non sae á rúa porque non ten gasolina para os coches ou nunha universidade non se pode entregar un certificado porque os ordenadores xa non dan máis de si, ou non queda tinta nas impresoras, hai que pensar ben se é cuestión de moderar os impostos ou de tratar de salvar o que queda dos servizos públicos.

Para un gobernante que de verdade estivera preocupado polos cidadáns, tiña que constituir unha emerxencia tratar de tapar os buracos que se foron creando durande a crise. Máis de cinco anos sen repoñer as plantillas de persoal poden dar a impresión de ser unha fantástica idea para aforrar en nóminas. Pero detrás dese posto de traballo destruido, está a enfermeira que nos ten que cuidar no hospital ou ese mestre que agora non ten o noso fillo. Ese rapaz frustrado que leva anos preparando unha oposición que nunca se convoca, sería un excelente axente de policía, un bombeiro ou un investigador de sona, que acabará por marchar ao estranxeiro.

Señor ministro, vostede pode pagar un seguro médico privado, levar escolta e, se lle peta, mandar aos fillos a un internado nos Estados Unidos. Antes de facer as contas do presuposto, pense tamén nos que non teñen outra opción nin, tal vez, unha segunda oportunidade.

Mirade como vos engaño
Comentarios