Opinión

Licenza para matar

OBAMA PASOU por España, pero a viaxe foi acurtada por mor dos incidentes de Dallas. Supoño que o que alterou a axenda presidencial foi o feito de que alí morreran varios policías, porque o tiroteo en si é un suceso que acontece tan a miúdo nos Estados Unidos que dificilmente pode alterar os plans da Casa Branca. A política de armas nese país resulta aberrante, porque cantas máis vítimas se producen en masacres indiscriminadas, máis pistolas e maquinaria de guerra se introduce legalmente no mercado. 

Afortunadamente, en Europa a política é moito máis restritiva, malia que me da a impresión de que existe un gran mercado negro. Eu non teño nin idea a onde dirixirme se quixera mercar unha arma, pero os delincuentes deben telo doado porque non hai intervención policial, mesmo por delitos menores, na que non se requise algún arsenal. Chama a atención, por tanto, que non se realicen controis preventivos ou redadas específicas en busca de armamento. Semella que o Estado ten posta a prioridade no terrorismo e no narcotráfico, e fai a vista gorda en outros temas, tamén preocupantes. Non cabe máis que pensar que esas bandas que rebentan comercios e polígonos industriais, a veces a plena luz do día, ou os que saquean as urbanizacións, contan con certa impunidade. 

Lonxe de querer ser alarmista, remítome aos feitos. Non hai tanto tempo a xente do rural vivía tranquilamente nun entorno que lle resultaba tan familiar que nin era preciso usar pechaduras nas portas. Hoxe, cando cae a noite, faise presente a ameaza dos grupos que rouban e mallan nas persoas sen ningún tipo de consideración. Xa se teñen producido varias vítimas, sen que se adoptara ningún tipo de medida especial, dando a entender que nada se pode facer. Pero cando o Estado quere actuar, ten medios. O caso máis evidente foi o do terrorismo de ETA, ao que se fixo fronte cunha combinación de medidas de protección extraordinarias, con centos de escoltas, un eficaz servizo de espionaxe e unha implacable actuación dos xuíces, que se estendeu tamén aos acusados de colaboración. 

Outro caso notable é o de Italia, onde sen acabar de momento coas mafias, se teñen dado pasos para mantela baixo un severo control. Quizá o mellor exemplo no control da delincuencia sexa Xapón, un dos poucos países aos que se pode viaxar sen medo a ser vítima dun suceso violento. Hai anos que decidiron erradicar as armas de fogo, e detiveron aos principais dirixentes da yakuza pola simple infracción desta norma. Pola contra, nos Estados Unidos solo foron quen de meter no cárcere a Al Capone por delitos fiscais. Hoxe Xapón é un remanso de paz, mentres que as rúas dos Estados Unidos, por veces, se volven un inferno. Hai que decidir que modelo queremos para nós.

Comentarios