Opinión

Excesivo

PASEI POR OLEIROS pero non tiven ocasión de ver os paneis informativos do concello que estes días, ademais da información municipal, conteñen mensaxes de alta política. Non é a primeira vez, tendo en conta que xa anteriormente serviron para transmitir campañas de apoio a Cuba e Venezuela, ou de crítica a Israel, sempre subordinadas á cor política do grupo de goberno. Nesta ocasión, veñen a denunciar a política inmigratoria europea, baixo o slogan ‘Gobernos de Occidente. Gobernos Terroristas.’ Nunha desas pantallas, figura a foto de diversos dirixentes, coa lenda, en sobreimpresión, ‘Terroristas.’ Para min toda a campaña é desafortunada, pero situar en primeiro plano a Angela Merkel resulta desconcertante. Estou seguro de que cando prepararon a campaña manexaron moitas fotos de cimeiras políticas ata dar con esa na que a chanceler ten o protagonismo visual. Creo que hai varios xeitos de cualificar as políticas inmigratorias alemás, pero resulta inxusto chamar a esta muller terrorista, cando é sabido que Alemaña, baixo o seu impulso, acolleu o ano pasado nada menos que un millón de refuxiados e no que vai de 2016 xa pasan de cen mil. 

O debate sobre a inmigración esixe ser coidadoso cos matices e, desta volta, o alcalde de Oleiros non fixo máis que botar sal na ferida

Tamén é público e notorio que o goberno tivo que matizar esta xenerosa política de acollida por presións de diverso tipo, entre elas a de algún alcalde. Por exemplo, en Bornheim o concello emitiu un bando prohibindo aos inmigrantes varóns facer uso das piscinas públicas; o portavoz municipal dicía que estaban a dar resposta ás denuncias de acoso sexual feitas por numerosas mulleres alemás. As enquisas chegaron a revelar que un sesenta por cento de alemás consideran que o país xa ten absorbido o máximo número de refuxiados. Pero Oleiros non se atreve a publicitar algo así como ‘Alcaldes alemás racistas,’ considerando máis rendible politicamente atacar a figuras como a da chanceler Merkel. Ven a ser unha acusación inxusta, como é a de Abuy Nfubea, presidente do Movemento Panafricanista de España, que critica o labor das ONG, das que sospeita que dan máis apoio aos sirios que aos africanos, por mor da cor da pel. Precisamente onte algúns membros desas organizacións humanitarias tiráronse á auga, diante dos barcos, para impedir que un grupo de refuxiados foran enviados de volta a Turquía. Eles molláronse por unha causa, e serían os primeiros sorprendidos por críticas dese tipo. O debate sobre a inmigración esixe ser coidadoso cos matices e, desta volta, o alcalde de Oleiros non fixo máis que botar sal na ferida. E sal moi grosa.

Comentarios