Opinión

Día sen teatro

AGARDABA A estas alturas do ano unha nova biografía de Shakespeare, xa que moitos están a procura de demostrar que foi outro (ou outra) quen manexaba a pluma que compoñía as obras que logo levaba á escena ese tal William, o de Stratford. O balbordo polo achádego estes días dun suposto retrato do autor débese a que apenas sabemos nada das circunstancias de Shakespeare. Entre outros enigmas, a crítica enfróntase ao reto de explicar cómo un home de limitada formación académica foi quen de mergullarse no máis fondo da cultura coñecida ata entón, e de manexar a linguaxe con mestría inigualable. El nunca pisou as aulas universitarias, nas que os máis destacados literatos da súa época aprendían os seus latíns. Pola contra, a universidade de Shakespeare estivo na rúa, no medio de empresarios teatrais, mecenas e actores, facendo el mesmo de promotor e director dos seus espectáculos. Lonxe de artellar obras para unha minoría culta, el sempre pensou no gran público.

Se vivira Shakespeare estaría abraiado por esta man dura do goberno. Porque o público do teatro é hoxe en día xente que se comporta

Hoxe Shakespeare é tratado coa reverencia e, por que non, co temor que inspiran os santos do ceo. Daquela atraía ás xentes de toda condición social que, iso si, estaban agrupados segundo a súa clase. Os ricos, tiñan asento ao abrigo do sol e da chuvia; os pobres, ficaban de pé, á intemperie. Nin que dicir ten que, nestas circunstancias, as obras tiñan que ser entretidas por pura necesidade. Tan populares eran os teatros que estaban afastados das cidades, en barrios periféricos, porque moitos espectadores partillaban clientela coas tabernas veciñas, os prostíbulos ou as casas de xogo. Atreveríame a dicir que naquela época, o teatro atraía as masas do xeito que hoxe en día o fan os grandes espectáculos deportivos. Mesmo había preocupación polos excesos dalgúns espectadores e, de feito, pouco tempo despois do pasamento de Shakespeare, os puritanos, os fundamentalistas daquela época, decretaron a prohibición deste tipo de artes cando chegaron ao poder. Tamén agora hai quen se queixa da persecución que o goberno fai do teatro, xunto con outras manifestacións culturais. Non é, loxicamente, unha persecución tan descarada como a dos puritanos de Cromwell, pero moitos pensan que a excesiva carga fiscal está a levar a estes xéneros a unha morte natural. Se vivira Shakespeare estaría abraiado por esta man dura do goberno. Porque o público do teatro é hoxe en día xente que se comporta. De feito, nunca oín que declararan ningunha representación de alto risco, nin que mandaran á policía para que afastar aos dos platea dos que sentan nos palcos. Non e o caso do fútbol, pero con iso non hai goberno que se meta.

Comentarios