Opinión

De mal en peor

A MULTINACIONAL Unilever ven de subir o soldo aos seu empregados ingleses, para que así poidan chegar ao que se chama o mínimo vital. O aumento suporá uns cincuenta céntimos á hora, quedando en dez euros en total. En realidade, esta compañía non fai máis que sumarse a unha campaña co obxectivo de que todo o mundo gañe polo menos o sustento. Estraña derivación da sociedade capitalista que ten que recorrer a este tipo de métodos para que o sistema siga a funcionar.

O caso é que máis de dúas mil empresas xa teñen asinado este pacto no Reino Unido, o que semella ser un feito positivo, malia que agocha a realidade de que moitos salarios non casan co nivel de prezos que hai nese país, onde unha cervexa nun bar costa en torno a cinco euros, coller un billete de bus pode chegar a tres euros e alugar unha casa sobe de mil euros. Por non falar de comprar vivenda, o que está reservado para os máis afortunados xa que o tipo medio costa máis de catrocentos mil euros e, no caso excepcional de Londres, aproxímase a setecentos mil euros. De feito, moitos profesionais e funcionarios xa tiveron que fuxir desta cidade, porque os seus ingresos se tiñan convertido en soldos de fame. Xa que logo, antes de que se lanzara esta nova campaña polo mínimo vital, moitas compañías e o goberno xa tiñan implantado un incentivo exclusivo para os traballadores londinenses.

Esta situación reflicte unha acusada tendencia de perda de calidade de vida en toda Europa, mesmo en países considerados ricos como Gran Bretaña, onde agora xa se fala de auténticas bolsas de pobreza. Entre os máis afectados están os pertencentes a algunhas minorías étnicas, como negros e sikhs, pero tamén os mozos en xeral, non só pola importante diminución salarial senón tamén por situacións que van perpetuar no tempo esa situación de precariedade. Por exemplo, dos rapaces que reciben axudas de comedor nas escolas só unha cuarta parte chegarán a acadar o título equivalente á Eso.

Agora ben, por dramática que consideremos a situación en Gran Bretaña, resulta paradoxal que nos últimos cinco anos uns douscentos mil españois teñan emigrado a ese país; só en Bristol, cidade na que estiven estes días, contabilízanse dez mil. Case todos son rapaces novos que, como é lóxico, se queixan das condicións de traballo, os prezos altos e o salario baixo. Pero todos, sen excepción, están agradecidos pola oportunidade que lles dan en terras británicas. A única opción que desbotan é regresar a España. Saben que aquí para eles non hai nada.

Comentarios