Opinión

Algo hai que facer

HOXE XA non hai ningún lugar seguro contra o terrorismo. Despois da masacre das torres de Nova York, colleunos por sorpresa o asalto islamita contra os trens en Madrid. A barbarie servida en bandexa, á porta da casa. Loxicamente, quen viaxe a certos puntos neurálxicos ten máis papeletas de verse afectado. Esta mesma semana eu tiña que pasar por Istambul, nunha escala técnica. Por sorte, as liñas aéreas turcas suprimiron a conexión con Santiago e cambiei o billete, facendo a ruta vía Helsinki, evitando así un dos puntos máis quentes do planeta como está a ser o aeroporto Ataturk. Tal vez por este motivo, dinlle voltas, unha vez máis, á raíz do problema islamita. Calquera pode ver que hai moito fanatismo, nun movemento que se afasta de toda lóxica e mesmo da ética que tería que presidir o século no que vivimos. Pero tamén é certo que esquecemos con facilidade o problema de Oriente Medio, que fica como un gran ignorado para a cidadanía. Unha vez que se decidiu partir Palestina e crear o Estado de Israel, comezou un antagonismo entre ideoloxías que acabou por converter en vítimas a toda a poboación islámica palestina. Máis aló de axudas puntuais da Unión Europea, esa xente está abandonada á súa sorte ou, o que é o mesmo, á súa mala sorte. Israel, coa complicidade americana, foi tecendo un entramado de normas e prácticas que acabou por reducir aos palestinos á condición de apátridas. A escritora afroamericana Alice Walker visitou Gaza e escribiu, abraiada, que aquelo era pura escravitude. O autor británico Benjamin Zephaniah denunciou a existencia dun novo apartheid naquela terra. Nestes momentos Mario Vargas Llosa está en Palestina, na procura de ofrecer o seu punto de vista sobre a situación. Vai facer un documental e escribir unha crónica serializada, que ben podería ser a crónica dunha morte anunciada, a do pobo palestino. Se mire como se mire, aí temos un xermolo de inxustiza que é utilizado tamén como pretexto polos iluminados do Estado Islámico. Máis alá de restar munición ideolóxica a estes fanáticos, o mundo ten que actuar por simple xustiza. Israel di e repite que os palestinos non son cidadáns propios, pero tampouco os recoñece como estranxeiros (con dereito, por tanto, a constituír o seu propio goberno). Por non darlles, nin lles da un estatuto colonial. Prefire telos nun limbo legal, que ven a equivaler ao esquecemento. Grazas a algúns artistas e intelectuais como Vargas Llosa, de cando en vez, fan oír a súa voz entre nós.

Comentarios