Opinión

O sambenito

A GALEGOFOBIA é unha rancia tradición, iniciada nas guerras do Medievo, e exaltada polos clásicos do Século de Ouro. Basta con lembrar o "antes puto que gallego", de Quevedo, ou lindezas similares en textos de Lope de Veiga e Góngora. O dicionario da RAE incluía unha despectiva acepción do termo "galego" ata non hai moito tempo. Un poeta lucense resucitou esa xenofobia secular. É unha mágoa que un home da bagaxe de Miguel Anxo Fernán Vello como escritor, editor, deputado ou secretario da comisión de Cultura do Congreso, esqueza a literatura galega que defendeu a nosa dignidade. No seu lapsus tira á papeleira os versos de Rosalía, no seu tremendo ‘Castellanos de Castilla’ sobre os padecementos dos nosos paisanos cando ían á sega, ou as referencias de Castelao no ‘Sempre en Galicia’ sobre un longo memorial de agravios. Máis rechamante resulta a súa interpretación política. Os madrileños depositaron a súa confianza en xente vencellada á Púnica e a Gürtel sen estar "alienados". Os valenciáns votan a Barberá e a Camps sen ser tachados de "ignorantes". Os andaluces confían no partido de Chaves e Griñán sen ser "escravos". Só os galegos merecemos tales epítetos, segundo o deputado de En Marea. O desacougo duns resultados electorais non xustifica que nos colgue ese eterno sambenito, pero tampouco é cuestión de sinalar a Fernán Vello. Se foi unha arroutada, que morra o conto. O triste é que quede xente que pense así.

Comentarios