Opinión

O estoupido

A PELEXA entre militantes no congreso de Anova ten como transfondo político o conflito existente na FPG sobre o vello debate sobre a prioridade da unidade do nacionalismo ou a unidade da esquerda. A polémica sobre a conveniencia de aliarse con Podemos e EU tivo como consecuencia no seu día a división da FPG e o desprazamento do seu líder, Mariano Abalo, e de varios históricos da formación. Pero a disputa entre hooligans non pasa de ser unha anécdota de mal gusto se facemos balance do acontecido. O gran perdedor do congreso é a propia Anova, con 111 congresistas divididos ata o punto de ter que chamar ao 112. Con semellante bagaxe, mal pode expor esixencias a outros aliados da coalición das mareas. Tampouco sae ben parado co resultados do congreso o voceiro parlamentario de En Marea, Luís Villares, pola presencia na dirección de Anova de xente próxima aos criterios de Marea Atlántica da Coruña, Podemos e EU, formacións que defenden a portavocía colexiada da organización e non apoian a Villares como voceiro nacional. O outro gran derrotado é Xosé Manuel Beiras, que no epílogo da súa carreira política ve como outro dos seus proxectos partidistas vaise ao traste, como xa sucedeu co PSG na transición. O balance final do congreso de Anova cheira a hostiazo, e non o digo polas hostias. O estoupido era previsible, pero chega demasiado pronto.

Comentarios