Opinión

Trumpetería

PARA SER rico ou ter poder non hai que ter moita formación, pero si moi poucos escrúpulos; isto sábenno en Wall Street. Desde que Trump accedeu a presidencia dos EE.UU. o índice Dow Jones revalorizouse un 10%. Eu xa o sabía de vello. Hai anos, nun restaurante da Coruña, un home, que traballaba de cazafortunas para un banco, sinalándome aos catro que comían na mesa do lado, díxome: “Aí tes a catro das fortunas máis grandes deste país. E non saben dividir con decimais”. Non me estrañou, xa coñecera a un construtor de Santiago que contaba os seus aforros por millóns de euros que cando anunciou que ía facer unha viaxe dando a volta ao mundo, alguén, por falar, preguntoulle se era de placer. E o construtor contrariado respondeulle: “De placer, de placer... pero se vou coa muller, carallo!”.
A nós fáltanos que un deles chegue a presidente; pero é difícil, non lles interesa, isto non é América. Claro que, de acordo cos nosos orzamentos probar probamos co máis parecido, cos Baltar na Deputación de Ourense e con Rafael Louzán na de Pontevedra.

Comentarios