Opinión

Un verán especial

OS VERÁNS teñen menos aquel cando un traballa. Só hai estíos de verdade cando un ten menos de dezaoito e pode dedicar tres meses a facer o lacazán.

Despois todo é deixarse ir e mesturar intres divertidos con aquel xefe que está de peor humor porque non pode ir a Sanxenxo ou aquel compañeiro ao que lle gustaría compartir Perbes cos herdeiros de don Manuel ou quen sexa que veranee alí.

Despedida polo tanto a visión sentimental, representada do mellor modo posíbel por certa famosa canción do Dúo Dinámico, temos que recorrer para definir un verán de lembranza ás veces nas que podemos ver aquilo que poucas veces ou nunca se vai repetir, eses feitos que fan que gardemos varias portadas de xornal para non esquecer o día. Seguro que moitos de vostedes teñen o de 2010 na cabeza, máis que nada por cuestións futboleiras.

Pero cousas coma o gol de Iniesta quedan pequenos perante as efemérides de finais dos anos vinte que relata Bill Bryson en ‘1927: un verano que cambió el mundo’, publicado por RBA.

Poucos como Bill Bryson poden gabarse de relatar coa mesma habilidade un partido de béisbol e a estrutura atómica, como a describiu Niels Bohr

Non é a primeira vez que atopamos a Bryson nestas Gotas. Hai anos que saltou á fama coa súa ‘Breve historia de case todo’, cecais o mellor libro de divulgación científica que existe, e dende entón aplica as súas indiscutíbeis dotes narrativas a todo tipo de historias dentro do xénero que poderiamos denominar miscelánea. Poucos poden gabarse de relatar coa mesma habilidade un partido de béisbol e a estrutura atómica tal e coma a describiu Niels Bohr, por exemplo.

Bryson viu en 1927 sucesos nunca repetidos, fixo unha enorme tarefa de documentación e uniu os elos nunha cadea perfecta que ten como eixe o practicamente milagreiro voo de Charles Lindbergh entre Nova York e París. Lindy acaparou as portadas por unha fazaña insólita, pero non estivo só no candeleiro aquel verán. O autor usa unha estratexia sinxela de describir pero complexa de realizar: recoller o acontecemento, explicar as súas causas e tirar do fío ata un epílogo cinematográfico.

Vostedes xulgarán eses sucesos: no verán de 1927 apareceu a primeira película sonora, ‘O cantor de jazz’, con Al Jolson; púxose en marcha ese proxecto tan tolo como monumental que é o monte Rushmore; instaláronse os alicerces para o crac do 29, a peor crise capitalista ata 2008; Al Capone dominaba Chicago co seu imperio do crime organizado; eran executados Sacco e Vanzetti, dous anarquistas italianos condeados por un crime que probabelmente non cometeran e libres de cargos noutras falcatruadas nas que si participaran; e, por último, Babe Ruth bateu o récord de ‘home runs’ da liga de béisbol, unha marca que duraría ata 1961 e que só sería claramente superada nos 2000… grazas ao uso de esteroides e outro tipo de sustancias prohibidas.

Poderán dicir que todo iso non converte esa estación en algo especial. Ao fin e ao cabo, a película de Jolson non era en verdade a primeira sonora, o monte Rushmore queda moi lonxe de Galicia, o anarquismo desapareceu hai moito, o béisbol e un deporte descoñecido en España e o único Yankee coñecido en Lugo é o xornalista Emilio González e Lindbergh resultou ser un persoeiro completamente repulsivo polo seu antisemitismo e apoio ao réxime nazi, concretado na recepción da máis alta condecoración das mans do mesmo Hitler.

1927: Un verano que cambió el mundoDe feito, o seu meirande legado neste século é a súa transmutación en candidato á presidencia dos EE.UU.en ‘La conjura contra América’ do mestre Philip Roth.

Porén ao final do libro ao lector quédanlle ganas de reivindicar os anos 20, unha década tola, a prolongación dunha idade de ouro (a Gilded Age do ferrocarril, o petróleo e a grande banca, de Ingersoll, Rockefeller e Morgan) representada por Gatsby e que remataría primeiro nas traxedias descritas por Steinbeck e despois no afundimento do mundo nos terrores do fascismo e a guerra mundial.

1927: Un verano que cambió el mundo
Bill Bryson
Editorial:
RBA
Páxinas: 624. Prezo: 20 €

Comentarios