Opinión

Poucos cambios

EXISTEN BESTSELLER ata nos ensaios. Non agroman con frecuencia, mesmo é difícil atopalos nas mesas de novidades -sempre cheas de novela dende Flaubert- pero habelos hailos. E mesmo hai autores especializados en xerar obras dese tipo, como é o caso de Naomi Klein. Seguro que lles sona o nome, máis que nada porque podemos dicir que Klein é a musa dos movementos antiglobalización: loira, canadiana e cunha imaxe sofisticada moi afastada dos clichés que adoito se asignan aos defensores das causas contra as grandes corporacións e os males do capitalismo, tamén coñecidos como ‘perroflautas’ de modo xenérico.

Poucos autores poden presumir de escribir aos trinta anos un ensaio, converterse en referencia e vender un millón de exemplares. Klein conseguiuno con ‘No Logo’, obra absolutamente imprescindíbel para comprender o consumismo a pé de rúa. Seguiu a este ‘La doctrina del shock’: mesmo éxito pero xa algunha arista metodolóxica ao entrar no sempre complexo terreo da psique colectiva. Agora aparece en España o seu último libro, baixo un título un chisco pretencioso: ‘Esto lo cambia todo’ (editorial Paidós).

O libro forma parte dunha nova ofensiva daqueles que nos opoñemos a que o fundamentalismo capitalista continúe causando danos ao medio ambiente

O libro forma parte dunha nova ofensiva daqueles que nos opoñemos a que o fundamentalismo capitalista continúe causando danos ao medio ambiente, dado que mesmo sería debatíbel que non teñamos pasado xa algún perigoso límite en cuestións como as emisións de dióxido de carbono a atmosfera. En decembro de 2015 reuniranse en París os principais líderes mundiais para renovar un Tratado de Kioto que é papel mollado hai tempo. O previsíbel fracaso non esperta precisamente esperanzas de cara ao futuro dos xeos de Groenlandia ou os glaciares.

Se botamos unha ollada aos agradecementos, poderemos observar que tamén nisto de facer ensaios de impacto hai un método americano. Podemos esquecer o profesor pechado nunha obra persoal monumental, algo máis típico de Europa; aquí estamos perante un equipo de investigación cun presuposto de milleiros de dólares. Hai datos, colleitados por investigadores, pero sobre todo hai testemuños. De capítulo en capítulo vemos saltar a autora de Alberta, Canadá, a Grecia e despois a Luisiana... Pouco lle falta para rematar en Nauru, paradigma de como a mala xestión da ecoloxía pode arruinar un país. As viaxes de Klein danlle moita vida ao relato, sobre todo polo seu contacto cos pobos indíxenas do Canadá, pero o asunto ponse lacrimóxeno de máis cando a autora decide mesturar os seus problemas para quedar embarazada cos problemas da Nai Terra.

Que o capitalismo salvaxe está dirixido contra o clima é unha evidencia científica, como ben se pode comprobar no relato que a autora fai dunha conferencia de pseudocientíficos fantoches nos primeiros capítulos, portadores duns argumentos que só farían rir se o tema non fose tan serio. Aos neoconservadores non lles agradan as normativas, regulacións e prohibicións e prefiren seguir coas súas actividades, que consideran o ecolóxico como unha externalidade, namentres sufragan solucións delirantes, como a aspiradora de dióxido de carbono que barallou en certo momento o excéntrico Richard Branson ou utilizar a opción Pinatubo -así bautizada pola erupción dun volcán filipino nos noventa-: reducir a radiación solar con pingas de ácido sulfúrico. Unha opción efectiva se non fose porque morrerían millóns de persoas pola alteración dos monzóns no sueste asiático. Unha externalidade, xa ven.

Pero un libro non o cambia todo nin, como di a contraportada, pode redefinir unha era. Aínda que Klein e outros sexan moi persuasivos e probabelmente teñan toda a razón. Pero no canto dese estraño e contundente título, eu tería apostado polo que leva o capítulo once: ‘Vostedes? E con que exército?’. Os homes e mulleres de a pé estamos en mans duns plutócratas que só van dar marcha atrás cando nos acheguemos ao xuízo universal. Pouco cambio parece que vai haber.

Esto lo cambia todo
NAOMI KLEIN
Paidós -24 euros

Artículo publicado el sábado, 28 de marzo, en la edición impresa de El Progreso. Se mantiene el idioma original.

Comentarios