Opinión

Paso aos sabios

CANDO PENSO na posibilidade dun goberno mundial dos expertos teño sensacións contrapostas. Despois de dedicar meses a traballar sobre a construción da bomba atómica -só tradución, non se me asusten-, a experiencia de Los Alamos podo dicir que resulta un modelo atractivo a pesar de Klaus Fuchs, se ben represor ata un punto insoportábel se non existen circunstancias excepcionais. Por outra banda, lembro o capítulo dedicado a Mensa nos ‘Simpsons’ e o optimismo inicial queda reducido a cinzas. Non temos arreglo.

A pesar de que sexa constatábel que os humanos temos pouca solución, non deixamos de tentar organizarnos o mellor que podemos, sobre todo para non matarnos -aínda que non sempre teñamos éxito-. E para facelo recorremos a institucións cheas de expertos, persoas con ampla formación e idiomas. Este tipo de organizacións, inexistentes hai un século, tecen unha especie de rede que é estudiada polo ensaísta e politólogo Josep M. Colomer en ‘El gobierno mundial de los expertos’ (Anagrama).

Josep M. Colomer compón unha obra didáctica no seu ‘'El gobierno mundial de los expertos’', que publica agora Anagrama

Colomer é profesor e esta obra ten moito de didáctica: concisa, expresada en linguaxe precisa e clara e organizada á perfección dende os conceptos máis básicos ata os temas máis concretos. Ou o que é o mesmo, dende unha caracterización da democracia e unha breve historia das súas formas ata os procesos que levaron á creación de institucións supranacionais. A partir de ese punto, unha análise das distintas organizacións fundamentais (Nacións Unidas, Fondo Monetario Internacional, Banco Mundial, Organización Mundial do Comercio) baseada en tres puntos: o seu papel e obxectivo, a súa historia e o seu goberno.

Unha lectura que procure información concreta quedará plenamente satisfeita, pero o autor sabe levarnos ao terreo da reflexión. Os seres humanos non estamos demasiado listos para conseguir a paz (agás preparando a guerra) e mantela, pero a nosa verdadeira natureza cainita e hobbesiana aparece cando os cartos andan polo medio. A gobernanza mundial fracasou de modo clamoroso á hora de organizar o comercio mundial e ata de organizarse a si mesma. É un triste paradoxo que a única organización que non funciona en absoluto sexa aquela na que hai igualdade de voto e dereito de veto efectivo por todos os estados membros.

E é que tan importante para reflexionar sobre a obra é saber quen e en que nos goberna como a forma de facelo. Polo fracaso da Sociedade de Nacións e a OMC non resulta difícil deducir que se nos goberna do único xeito posíbel, algo tan triste como evidente. Ou moito cambian as nacións neste século ou teremos que elixir entre Nacións Unidas sen veto ou nada. E a nada non funciona moi ben adoito. Por outra banda, entramos no complexo debate sobre o grado de lexitimidade da democracia representativa.

El gobierno mundial de los expertos, de Josep ColomerCando se fala de Grecia como berce da democracia moitos esquecen as particulares condicións de todo tipo que se daban nas polis áticas. A democracia directa non é posíbel nin sequera co avance da tecnoloxía e só podemos aspirar a unha democracia representativa na que, agardemos, haxa cada vez maior participación e atención ao cidadán, asunto curiosamente descoidado unha vez que as clases altas cederon parte dos seus enormes beneficios para conceder o estado de benestar... Algo así como cando se lle dá a un neno unha moeda e se lle di que non dea a vara.

O goberno dos expertos supón un desafío para a democracia e a cidadanía, tamén para os partidos políticos, vistos por moitos como males necesarios dentro do sistema.

Colomer fai un relato benévolo da experiencia italiana que non deixa de constatar un feito complexo: é moi posíbel que o goberno dos expertos só poda producirse a medio prazo se se obvia toda democracia porque nin os partidos presentan expertos nin os cidadáns os votan. O autor deixa pendurada esta cuestión e o crítico -literario e social- só pode responder cunha verba: educación. Sen Boe propio dos anos cincuenta, a ser posíbel.

El gobierno mundial de los expertos
Josep M. Colomer
Editorial: Anagrama
Páxinas: 320. Prezo: 19,90€

Comentarios