Opinión

Pasando bólas

NAS NOVAS referidas ás distintas feiras do libro que se están a celebrar en España estase a salientar a importancia do libro sobre temática deportiva. O fútbol é unha constante e aparece acompañado do deporte de moda que corresponda. Hai uns anos foron os deportes de motor, con Fernando Alonso e os seus títulos; agora temos libros que mergullan na vida e milagres doutros deportistas icónicos, caso de Pau Gasol e Rafa Nadal.

Non pasa o tenista de Manacor polos seus mellores momentos. Esta semana, por segunda vez en dez anos, celebrará o seu aniversario sen gañar o torneo de Roland Garros en París. Sobre o po laranxa construíu a súa lenda, baseada nun espírito guerreiro que se opuxo durante todo este tempo á elegancia e precisión do suízo Roger Federer, o meirande tenista da historia. A súa rivalidade está xa nos anais da historia do deporte a carón doutras lendarias: Magic Johnson e Larry Bird, Muhammad Alí e Joe Frazier ou Ayrton Senna e Alain Prost.

En coincidencia co cénit da tempada de tenis e das feiras do libro aparece o libro ‘Sin red’ escrito polo xornalista especializado arxentino Sebastián Fest, que amosa pluma rápida, coñecemento da materia e habilidade para conectar con esa esfera tan complexa que é a do deporte globalizado, na que conviven nun mesmo corpo atletas dotados e homes de negocio de talla mundial.

O xornalista arxentino Sebastián Fest conta para a editorial Debate en ‘Sin red’ como a rivalidade entre Nadal e Federer mudou o tenis

O tenis é un deporte peculiar en canto a isto das rivalidades. Para o profano resulta un chisco desconcertante iso de ter un inimigo co que só tomas contacto dúas veces en catro ou cinco horas. Creado como un deporte de cabaleiros, tal espírito mantívose ata os anos setenta, cando unha serie de ‘enfants terribles’ comezaron a deixar guedellas, falar con espectadores, protestar aos árbitros (‘Non podes falar en serio!!!’, obra de John McEnroe) e odiarse entre eles.

Fest describe o cambio de paradigma no tenis dos 2000, que non é outra cousa que un retorno a antiga xentileza dos Fred Perry ou René Lacoste (si, o crocodilo ten pai con raqueta) e faino seguindo o camiño durante os anos de Nadal e Federer, dende as súas orixes ata o final de 2014. O autor dedica a súa vida a seguir o circuíto por todo o mundo e recolle as polarizacións características en torno aos persoeiros: se a súa competencia resulta aburrida ou falsa respecto ás dos Connors, Borg ou Lendl, se Federer é un modelo de elegancia apolínea e Nadal un troglodita con raqueta ou se a tremenda intensidade do manacorí vai rematar de xeito prematuro coa súa carreira deportiva (unha ameaza cíclica).

As inconveniencias da obra son típicas do xénero e tipo de obra. Para comezar, non se pode contar que fóra do mundo anglosaxón xurda unha biografía conxunta e autorizada de dous multimillonarios famosos aínda nun punto alto das súas carreiras. E para rematar, o feito de que ambos estean en activo deixa un aroma permanente a historia sen pechar, algo moi perigoso no mundo da historia das rivalidades deportivas. Para cinguirnos ao que todos vostedes coñecerán, comparar a Messi con Cristiano Ronaldo en 2012 era unha broma de mal gusto; en 2014 Messi parecía acabado e Cristiano en Sin reddisposición de superalo na batalla pola historia; a estas alturas de mediados de 2015 e despois da marabilla da final de Copa e a súa cuarta Champions League o arxentino restaurou a súa hexemonía.

O tenis é un deporte que pode parecer aburrido: pasar bólas a toda velocidade por riba dunha rede. É ideal para a televisión polas súas pausas e poucos deportes semellan ter o seu potencial de crecemento. A súa chegada á cultura popular vai vir da man de libros como este, con historias épicas relatadas con verbo fácil, ideais para complementar o seguinte parón por choiva nas pistas de herba do All England Tennis Club.

Sin red
Sebastián Fest
Editorial: Debate
Páxinas: 368 Prezo: 18,90

*Artigo publicado o sábado 13 de xuño de 2015 nas edicións impresas de El Progreso e Diario de Pontevedra

Comentarios