Opinión

O martelo dos corruptos

Durante a frustrada elaboración da miña tese doutoral, dedicada ao personaxe do demo na novela europea contemporánea, tiven que ler uns cantos libros extravagantes. Penso que o máis estraño de todos foi o ‘Malleus maleficarum’, ao que chegara por xentileza de Thomas Mann e o seu Doktor Faustus. Nese ‘Martelo de herexes’ dous inquisidores alemáns describían con todo luxo de detalles as persoas e métodos da bruxería para que ninguén caese nos seus enredos.

Baltasar Garzón non ten vocación de inquisidor, pero si foi durante anos a cara máis visíbel do poder xudicial español, que herdou algunhas -por sorte non todas- das competencias dos tribunais do Santo Oficio. Como é unha persoa honrada, algo que se ten posto de manifesto en incontabeis ocasións, acabou fóra da carreira xudicial. Xa saben vostedes: España é ese país no que hai un caso de corrupción enorme e tras dez anos o único condenado en firme é o xuíz.

Como é unha persoa honrada, acabou fóra da carreira xudicial

Os cidadáns estamos máis indefensos perante o delicto, pero Garzón non era só un xuíz eficaz senón tamén unha persoa culta con boa pluma. E así o demostra no ensaio ‘El fango’, publicado na editorial Debate e que a bo seguro se converterá na estrela da non ficción para a tempada primavera/verán. O que perde a xudicatura gáñao a opinión pública e xa é hora de que en España comece a xurdir algo digno de tal nome.

A metáfora do título, reforzada na cuberta cuns pegotes de lama bastante antiestéticos, resulta dificilmente mellorábel en canto a adecuación ao contido da obra. Garzón repasa nunha obra con obxecto enciclopédico e realización relativamente sintética a historia da corrupción en España nos últimos corenta anos. E faino baixo unha premisa facilmente constatábel: trátase dun problema fundamental deste país porque alcanza todos os estamentos, partidos, administracións e un gran número de persoas. Tantas que mesmo resulta preciso que o autor comece cun breve excurso moral nada indulxente. Vostede e eu tamén somos responsabeis do que sucede. Non roubamos, pero collemos atallos algunha vez; e se non collemos atallos, permitimos que outros os collan ou votamos masivamente a corruptos.

Coñecedor fondo da estrutura e os mecanismos de funcionamento do Estado, procede Garzón a facer unha revisión de arriba a abaixo da corrupción en cada estamento e, dentro del, dos casos máis destacados, moitos deles instruídos por el mesmo.

O libro ten detrás un enorme traballo de documentación e procesa para facerlle accesíbel ao público unha gran cantidade de documentos xudiciais, dos que elimina case totalmente os tecnicismos. Non obstante, para unha comprensión completa é preciso estar ao tanto dos matices asociados a conceptos como prevaricación, branqueo de capitais e outros.

'El fango', de Baltasar GarzónEspecialmente salientábel resulta a parte dedicada a casos históricos. Inmersos nun marasmo de prácticas corruptas, ata os máis informados tendemos a esquecer que a financiación ilegal de partido ou as estafas á Administración e aos aforradores non son cousa de onte ou antonte, que existiron Filesa e Naseiro, e máis atrás Matesa ou Rumasa. Tan preocupante como a redada nosa de cada día é o feito de que a corrupción pareza formar parte do noso cerne.

A obra de Baltasar Garzón está engarzada na mellor tradición zoliana, e non por amosar as feblezas do ser humano de xeito naturalista, senón polo seu ton acusador e a súa vocación de representar dende a literatura o papel de conciencia pública. Emile Zola pasou a mellor vida grazas a unha cheminea obstruída misteriosamente denantes de ver a Dreyfus libre. Agardemos que Baltasar Garzón, a non moito tardar, poda presumir de que o seu libro é peza dun pasado que xa non existe porque absolutamente todos os servidores públicos cumpren co seu deber.

El fango
Baltasar Garzón
Editorial: Debate
Páxinas: 608. Prezo: 21,90€

Comentarios