Opinión

O demo do mediodía

EU, COMO a meirande parte de vostedes -non se me ofendan-, son un home feito de prexuízos. Agora ben, a miña terapia de escrita semanal dáme constantes ocasións para desafialos. Por exemplo, teño o mal costume de mirar con escepticismo o tema da enorme extensión das patoloxías depresivas nos países desenvolvidos e o cotinuo aumento da súa incidencia dun tempo a esta parte, que pode observarse a través das estatísticas de prescripción de ansiolíticos e antidepresivos. Así que para poñer a proba os meus profanos pensamentos mergulleime no recentemente publicado ‘El demonio de la depresión’, obra gañadora xa hai tempo do premio Pulitzer na categoría de non ficción xenérica e que debemos á pluma de Andrew Solomon.

Non me vou entreter esta vez en presentar o autor porque xa apareceu nestas mesmas páxinas hai só uns meses como autor de ‘Lejos del árbol’, un libro sobre a discapacidade en nenos publicado tamén pola editorial Debate. Boa cousa é que se vaian traducindo os mellores libros que saíron e saen na outra beira do Atlántico. As súas credenciais e estilo como ensaísta son excelentes, pero ademais nesta obra preséntase como personaxe e relata os seus padecementos como enfermo de depresión.

Andrew Solomon gañou o premio Pulitzer de non ficción xenérica por ‘El demonio de la depresión’, que agora publica en castelán Debate

O contraste resulta moi poderoso malia que pouco convincente. O Solomon descriptor da saudade patolóxica repasa a fondo todas as caras da cuestión, dende os debates sobre a posíbel orixe química ou social da enfermidade ata as iniciativas políticas relacionadas coa saúde mental nos Estados Unidos, pasando pola historia -un ano destes alguén completará unha tradución da ‘Anatomía da melancolía’ de Richard Burton e os catro que a poderán ler quedarán pampos-. De especial interese resulta a súa capacidade para atacar os temas máis polémicos dende o punto de vista social: a relación da depresión coa pobreza, a súa interrelación -sempre difícil de aclarar, coma o do ovo e a pita- co abuso de sustancias como o tabaco, o alcol ou as drogas e aquilo que leva a unha persoa a volverse contra si mesma e tomar o camiño do suicidio. Temas duros todos eles e tratados con rigor e humanidade.

Pero, por outra banda, o Solomon narrador da súa propia historia fracasa á hora de esta serva de exemplo para a tese da obra: que a depresión non só ataca a persoas con graves problemas externos ou con desequilibrios químicos e que non é unha enfermidade só propia das clases medias altas europeas.

Cando un le o relato dos seus padecementos e a súa reacción aos mesmos e, co paso das páxinas, descobre a triste realidade daqueles que loitan contra a enfermidade con fortísimos traumas ou adiccións, non pode menos que pensar que se está a falar de dúas enfermidades distintas que por un azar que se nos escapa aos profanos reciben o mesmo nome.

El demonio de la depresión, de Andrew SolomonTirando de comparación literaria e modernista, é como comparar o decadentismo sibarita de Gabrielle D’Annunzio co de Alejandro Sawa que nos ensinou Valle nas súas ‘Luces de bohemia’. E a proba infalíbel da sabedoría popular: se lle relato as dúas historias á miña avoa María, diría có personaxe é un pobre home ou muller e que Andrew Solomon un parvo, ou algo peor.

Tampouco semella demasiado atinado á hora de facer ver que quen sostén opinións como a que eu acabo de emitir déixase guiar polo medo ou pola vontade de negar o evidente. A realidade é que os problemas mentais, xa se atribúan á química, á mala educación ou a calquera outra razón, son un dos grandes retos das sociedades occidentais. Son, e así se titulaba a obra orixinalmente -que manía de cambiar os títulos- o demo do mediodía, que ataca inesperadamente e pasa en certo modo desapercibido. Remexer nas causas non obsta para solventar as consecuencias. Pero un filólogo ignorante está en disposición de pedir máis Platón, máis tratamentos contra a malaria e menos avances nos ansiolíticos, alomenos por unha década ou dúas. Despois xa nos ocuparemos da tristura provocada porque o neno é homosexual ou a nena marcha para a universidade.

El demonio de la depresión
Andrew Solomon
Editorial: Debate
Páxinas: 704
Prezo: 34,90€

Comentarios