Opinión

A neolingua dos cartos

TODAS AS PROFESIÓNS teñen a súa xerga. Algunhas son tan curiosas como belas, caso do barallete dos canteiros; outras carecen de todo encanto, pero son útiles para os coñecedores da materia, algo que sucede por exemplo na teoría literaria; e hai algunhas xergas que saltan a barreira do sector concreto, chegan a moitos profanos e mesmo acaban por converterse en neolinguas. O termo orwelliano describe á perfección ese fenómeno polo cal determinadas expresións cambian de significante para matizar o seu significado de xeito aparente... cando o referente, a cousa real, non se modifica en absoluto. É a tiranía do politicamente correcto e algo que sucedeu nos últimos anos coa linguaxe económica... e que segue a suceder. Por exemplo, o Goberno español esta semana deixou de regularizar e pasou a amnistiar: nada grave.


Un novelista británico, John Lanchester, dedicou algúns anos a estudar a linguaxe económica a través de xornais especializados, libros e conversas con especialistas. Froito da experiencia é ‘Cómo hablar de dinero’, que publica Anagrama, unha descarnada crítica do modo no que os cidadáns recibimos a información financieira. Porque, como aclara o subtítulo, o habitual é que a xente das finanzas diga unha cousa... e en verdade queira dicir outra diferente.

O novelista británico John Lanchester debulla a xerga económica en '‘Cómo hablar de dinero'’, que agora publica en castelán Anagrama


John Lanchester ten os coñecementos de economía propios dunha persoa culta coma vostede ou coma min, o que comparado cun especialista é como non ter nada. Pero ao ser novelista coñece a lingua e sabe que esta adoito agocha arcanos, que el mesmo compara ao ‘nilómetro’, o artiluxio segredo que só podían consultar os sacerdotes exipcios e que asociaba o nivel do pai Nilo co que sucedería en Exipto tras a seguinte inundación. Saber se se achegaban o sufrimento (escaseza de auga) ou o desastre (enchente excesiva) dáballes un poder omnímodo aos gardas do aparello. O discurso non é a cousa..., pero contrólaa, e máis na sociedade da información.


Para analizar a lingua das finanzas usa o autor unha estrutura en tres partes. A primeira actúa a modo de longa introducción na que se explican cuestións fundamentais: a construcción do discurso, a particularidade oscuridade da xerga económica, os conceptos básicos, o libremercado, o liberalismo ou a crise. A segunda é un glosario moi extenso no que, en termos perfectamente comprensibeis para un lector atento, quedan explicados os conceptos que aparecen con máis frecuencia nas páxinas de cor sepia dos xornais especializados. Aínda por riba, Lanchester é un tipo enxeñoso: sabe seleccionar exemplos, sacar un sorriso e narrar con fluidez. Poderiamos dicir que ten unha espada ben afiada para cortar o nudo gordiano do asunto. A selección de termos a definir alterna conceptos básicos ou de uso común como outros máis descoñecidos e que semellan introducidos precisamente para dar descanso ao lector. Por exemplo, o «índice de camareiras quentes», adaptación dos «traballos para mozas guapas» que usa Lena Dunham na serie ‘Girls’. Non toda a economía vai ser números e gráficas.

A terceira parte ten un carácter máis analítico, crítico e propositivo. Constatado que unha linguaxe oscura o que fai é protexer un sistema esencialmente inxusto, o autor carga contra o neoliberalismo e a súa necesidade de xerar unha neolingua. Non se trata dun texto programático senón dun peche ben intencionado que fai fincapé en que a humanidade debe rematar con lacras como a fame ou a mortalidade infantil e que, a pesares de que xa vai camiño de facelo, non debe deterse nin por un intre. A conclusión é que nada está escrito en pedra e que nas mans dos cidadáns, sobre todo os occidentais, está continuar co mesmo modelo ou cambialo por un máis xusto e equitativo tanto para nós como para aqueles que máis padecen.

Cómo hablar de dinero
John Lanchester
Editorial Anagrama
Páxinas: 352. Prezo: 19.90.

Comentarios