Opinión

Mare Nostrum

SE UN ten que pasar meses mergullado na historia de Europa como é o meu caso, mellor que se afaga a ver o Mediterráneo por todas partes. Se nos poñemos rigorosos, todos os europeos somos fillos do ‘lago romano’ e das estepas de Asia Central. E hai que afacerse malia que un teña tendencia ao calvinismo, gusto pola choiva e escaso interese en visitar Italia e Grecia denantes que Alemaña ou os Países Baixos. Por sorte temos preto Barcelona, que é unha alfaia aínda que in illo tempore só fose unha colonia dos fillos de Ulises e Rómulo.

E é que Grecia e Roma formaron a espiña dorsal da cultura europea ata a Segunda Guerra Mundial. Nela o escritor Patrick Leigh Fermor, comando dos ingleses na illa de Creta, secuestrou o xeneral alemán Kreipel e retívoo nunha cova. Un amencer Kreipel contemplou o sol sobre o monte Ida e comezou a recitar os primeiros versos da oda IX de Horacio, o poeta latino... e Fermor continuouna de memoria, creando un vínculo no medio da tensión. Non existe neste intre ningún elemento cultural que conecte dese xeito aos habitantes do vello continente. De feito, coñecer a Horacio nunca máis será xa signo de cultura agás en círculos restrinxidos.

A intelectual e polígrafa María Belmonte asina en 'Peregrinos de la belleza' unha obra de debut caracterizada pola madureza plena

A anécdota que veño de relatar forma parte xunto a otras moitas de ‘Peregrinos de la belleza’, ópera prima de María Belmonte, intelectual e polígrafa vasca, publicada pola editorial Acantilado. Dado o talento para a descripción e o amor pola cultura amosados pola autora é de agardar que non sexa a derradeira vez que nos atopamos con ela. Estamos perante unha desas estrañas ocasións na que unha obra de debut amosa xa unha madurez plena, tanto de estilo coma de pensamento.

O subtítulo da obra, ‘Viajeros por Italia y Grecia’, marca xa unha división. A primeira parte dedícase á italofilia -ou romanofilia- de europeos de distintas procedencias -ingleses, alemáns, suecos-. O lector debería de se deter na historia de Johann Winckelmann: foi el quen fundou a visión harmoniosa e apolínea que moitos teñen da cultura grega, é un autor ignorado na literatura española ata o punto de que se non se sabe unha lingua estranxeira non é posíbel ler unha tradución completa da ‘Historia da arte na Antigüidade’ e posibelmente fose o primeiro famoso homosexual asasinado nun crime paixonal. Postos a ser esixentes, teríame gustado que Belmonte puxese a súa lupa en Edward Gibbon, par de Winckelmann á hora de crear imaxes perdurabeis, neste caso da decadencia do Imperio Romano e o agromar da relixión cristiá. O fotógrafo pioneiro Gloeden, o médico sueco de Capri Axel Munthe, D.H. Lawrence e o poeta da guerra Norman Lewis completan unha galería magnífica en todo caso.

"Peegrinos de la belleza", de María BelmonteA segunda non fala tanto de Grecia coma do espacio cultural grego. Agora coñecemos o berce da civilización por Varoufakis e o baloncesto, pero ata hai relativamente pouco todo o que estaba alén de Dalmacia era basicamente Grecia dende o punto de vista da cultura. O 9 de setembro de 1922 acabou unha presenza de 2.500 anos en Asia Menor co asasinato ou desprazamento de milleiros de gregos de Esmirna; en 1952 a meirande dos herdeiros de Cavafis deixaron Alexandría. Por sorte para entón Lawrence Durrell, retratado no seu amor polas terras gregas no capítulo final, xa tivera tempo de facer a súa obra mestra: o ‘Cuarteto’. E ademais están as illas, que teñen grande importancia nas historias de Henry Miller, o citado Fermor e Kevin Andrews -nesta ocasión, todos anglosaxóns-.

O Mediterráneo segue a ser o Mare Nostrum. Tan noso que a mesma autora puido percorrer os escenarios debuxados e darnos unha visión actual, fresca e vitalista, que mesmo achega o ensaio á literatura de viaxes. Son as marabillas que temos relativamente preto, das que xurdiu o que somos e que non debemos esquecer, nin como lectores nin como viaxeiros.

Peregrinos de la belleza
María Belmonte
Editorial Acantilado
Páxinas 320 Prezo 20€

Comentarios