Opinión

Horizontes partidos

COMO A MAIOR parte de vostedes, queridos lectores, non estudiaron Teoría da Literatura imaxino que non estarán familiarizados cos detalles do concepto de ‘horizonte de expectativas’ segundo o formulou Jauss, un estudioso alemán. Malia todo, non é precisamente difícil de explicar: antes de coller un libro todos contamos con información previa —por exemplo, este mesmo artigo—, o que fai que agardemos determinadas cousas. A valoración estética que fagamos dependerá daquilo que esperásemos.

Nos últimos anos proliferan os libros de economía e arredor deles xerouse un horizonte de expectativas moi concreto. Os lectores asumimos que son libros cunha certa complexidade sobre unha materia ambivalente como ningunha: podemos non ter nin idea de economía, pero vivimos rodeados dela e temos que ter opinión sobre o tema. Quizais por isto último entendemos tamén que os textos deben ser comprensibeis e non só críticos, senón tamén propositivos. Ao final, nun contexto de crise, todos agardamos que a solución estea nalgún lugar e un libro é un sitio tan bo coma outro calquera.

Así me acheguei eu a ‘La economía desenmascarada’ de Steven Keen, un economista australiano... E todos os meus horizontes quedaron partidos. A editorial Capitán Swing, que agora mesmo é un referente na publicación de obras con perspectivas alternativas en eidos diversos, deu un paso máis e apostou por un manual dunha grande complexidade técnica tras a que se agocha esa tese diferente: a de que a economía neoclásica, na que se enmarcan as ideas que vostedes e máis eu vivimos día a día, debe enmendarse por completo pola súa incapacidade para darlle resposta ao sucedido nestes anos.

Steven Keen pertence a unha corrente de economistas vinculada á esquerda, a posicións keynesianas e marxistas —si, o marxismo existe aínda en moitos terreos— e ten unha formación ecléctica. Os seus traballos afástanse das correntes maioritarias e constitúen unha crítica do modo de interpretar a macroeconomía que teñen os expertos das grandes corporacións e institucións dominantes, mesmo disidentes tolerados como o coñecido Paul Krugman.
O autor sostén que a economía neoliberal está construída sobre bases ideolóxicas e non matemáticas e experimentais. De feito consegue demostrar a incoherencia de postulados e dese xeito anular en boa parte —cando non toda— a argumentación que subxace a grandes políticas desenvolvidas polos estados nesta década —inflación baixa para provocar un desemprego baixo, políticas de redución de impostos...—. Segundo el a economía está nun estado de «preciencia», como a astronomía na época de Copérnico e Newton... E é difícil non concordar nisto dado o feito de que un estudo demostra que só once académicos viron vir a maior recesión dende os anos 20. E o dato avala outra das grandes denuncias de Keen: o neoliberalismo controla a ensinanza da economía e construíu un discurso hexemónico que condea á exclusión os disidentes. E non falo só de marxinación ideolóxica, senón laboral.
O lector informado estará de acordo con todas estas propostas críticas, seguramente sen abrir unha soa páxina. Pero se quere atopar argumentos no libro de Keen, xa pode ter coñecementos previos de economía e matemática. Atopámonos diante dun tratado técnico, de lectura difícil: ata o mesmo autor aconsella varios saltos na lectura para obviar partes especializadas. Hai que atravesar unha selva de máis de cincocentas páxinas para atopar explicacións sobre a crise actual e non sobre a teoría económica e atopar onde facer pé. Os conceptos non só son complexos senón que non existe unha explicación previa e adaptada ao lector profano.

O resultado non pode ser máis frustrante, xa que un pensa que Keen podería ofrecer as mesmas teses envolvidas en argumentos accesibeis aos non expertos en matemáticas aplicadas á economía. Non obstante, se o lector busca un reto intelectual e ten paciencia, verase recompensado cun dos mellores libros sobre alternativas económicas que existe agora mesmo no mercado mundial.

Comentarios