miércoles. 08.04.2020 |
El tiempo
miércoles. 08.04.2020
El tiempo

Filosofía mundana

SE QUEREN que lles sexa sincero, estou ata os fociños de libros de economía. A crise non remata a pesar das boas palabras de gobernos nacionais e institucións internacionais e os editores van detrás do tema como cadeliños na procura da seguinte explicación ou solución.

O único bo de todo isto é que chegaron á nosa lingua clásicos relacionados co mundo económico que doutro xeito dificilmente terían atopado acomodo nos anaqueis, en medio de tanta novela negra e libro de autoaxuda. Lembro por exemplo a biografía de Keynes de Robert Skidelsky (agora nunha edición máis económica), e agora súmase ‘Los filósofos terrenales’ de Robert Heilbroner, profesor da universidade de Harvard na posguerra, publicado por Alianza Editorial na súa colección clásica de libro de peto.

Aos máis novos, por desgraza, hai que lles explicar a transcendencia de ‘El libro de bolsillo’. Houbo un tempo no que por moi poucos cartos un podía ter acceso a grandes clásicos da literatura e o pensamento histórico, filosófico ou relixioso, sobre todo a obras en varios volumes inaccesíbeis doutro xeito. Lembro que neles descubrín eu a Toynbee, a faceta de historiador de Isaac Asimov ou a Edmund Burke. Hai anos, cecais coa proliferación de selos cun obxectivo similar, Alianza centrouse en reedicións e só de cando en vez podemos gozar dunha alfaia como esta.

'Los filósofos terrenales' de Rober Heilbroner foi publicado por vez primeira en 1953 e chega agora en castelán e en libro de peto con Alianza

Como xa dixen, o libro de Heilbroner é un verdadeiro clásico… e iso aporta algo alleo á súa publicación. Nos últimos tempos é recorrente certa escusa nas editoriais españolas: "Este libro non interesa porque é de hai décadas e xa se publicaron outras obras máis actuais"…

Esquecen dicir que "máis actual" non sempre significa "mellor". A primeira edición de ‘Los filósofos terrenales’ data de 1953 e o autor finou en 2005, pero o seu estudo da economía a través dos xigantes que axudaron a forxala dende Adam Smith ata Joseph Schumpeter mantén plena vixencia e pulso, en boa medida grazas ao talento co que está narrado, e un notorio éxito no mundo anglosaxón: os datos indican que é o segundo libro de economía máis vendido da historia, só por detrás do clásico manual de Paul Samuelson, que todos os interesados manexamos con placer.

A estrutura da obra é bastante simple. Tras un par de capítulos introdutorios, dedicados a conceptos básicos nacidos antes do século XVIII e fundamentais para entender o que segue, entra o economista estadounidense en materia con pequenos ensaios dedicados aos homes que moldearon a ciencia económica dende a Ilustración. En dúas das pezas, as dedicadas aos socialistas utópicos e aos economistas victorianos, abandónase o individuo para facer panoramas máis amplos. Smith, Ricardo, Marx, Keynes… Todos pasan polo seu ollo clínico, cunha boa mestura de conceptos económicos, contexto histórico e detalles biográficos cun uso da anécdota verdadeiramente notábel.

Eu non son estudiante de Economía e nunca o serei, pero os economistas que coñezo e aos que leo están de acordo en que unha das grandes perdas das últimas reformas dos programas universitarios é a desaparición da historia económica. Libros coma este de Heilbronner ou os clásicos de Kindleberger ou Galbraith parecen destinados a quedar marxinados nas bibliotecas ou ser lidos precisamente por aqueles que en nada podemos intervir para modificar os acontecementos. De cando en vez veñen ben os tópicos, e é ben sabido que quen descoñece a súa historia está condenado a repetila.

Malia que esteamos cansados de libros de economía, algúns demasiado técnicos, outros que ofrecen receitas de sochantre, sempre vai quedar un oco para lecturas como esta. Non debemos esquecer os clásicos e queimalos sen lume. Porque, como ben dixo Mijail Bulgakov para satirizar a censura soviética por boca do seu impresionante Voland, "os libros arden mal".

Los filósofos terrenales
Robert Heilbroner
Editorial Alianza
Páxinas 528 Prezo 14,90€

Filosofía mundana
Comentarios