Opinión

Explicacións sinxelas

EU, VOSTEDE, AQUEL outro que nin vai ler este artigo… Todos somos o noventa e nove por cento. Sómolo en moitas cousas, pero hai certo tempo que naceu a conciencia de que no eido económico nós estamos nun bando, o dos que pagan e sofren, e uns poucos están no outro, os que gañan millóns e viven de luxo. Eu non coñezo ningún manual de economía escrito por un multimillonario, pero si uns cantos que están dedicados a xustificar que certa man invisíbel empobreza a centenares de millóns de persoas para enriquecer a Warren Buffett, por dicir un.

Ás veces algún intelectual que podería vivir ben de xustificar aos poderosos decide explicar as cousas ao 99 por cento -ou á porcentaxe equivalente que é quen de entendelo-. Entón prodúcese un fenómeno curioso: a revista Time escóllete como unha das dez persoas máis influíntes do mundo namentres os críticos falan dun "economista heterodoxo recoñecido". Para non alongar o suspense direilles que falo do economista surcoreano Ha Joon Chang, cuxa obra ‘Economía para el 99% de la población’ vén de saír do prelo da editorial Debate, consolidada agora mesmo como referencia no mundo do ensaio en España.

O surcoreano Ha Joon Chang explica a ‘Economía para el 99% de la población’, unha obra que publica agora Debate en castelán


Certa conta nunha coñecida rede social puxo de moda Corea do Norte, máis coñecida en ton xocoso como "a Corea fetén" ou "Best Korea". Á marxe dos ataques de risa que pode provocar un falso Kim, estudar a economía e a cultura de Corea do Sur é moito máis entretido e instructivo. Se collen unha esfera ou un mapa verán que non é un país demasiado grande: un chisco máis que Andalucía, para ser precisos. Tampouco está moi ben rodeado: Rusia, Xapón e China son os seus veciños e con todos se leva mal. Cos rusos pola guerra que deu orixe á partición da península; cos xaponeses polas vexacións da Segunda Guerra Mundial; o dos chineses é cousa secular.

Pero os surcoreanos teñen algo do que os seus veciños carecen: educación. E tamén saben da importancia da planificación económica, a pesares de pasar décadas teoricamente na órbita estadounidense. Por exemplo, Corea do Sur produce cinco veces máis aceiro ca España a pesar de non ter recursos naturais propios. Como o fai? A base de planificación, educación, investigación e desenvolvemento.

Para Chang, criado nesa sociedade, resulta natural explicar a economía en clave de límites e regulacións e non de ‘laissez faire’ e eliminación de barreiras. Tamén e a explicación que resulta sinxela de comprender para vostede e para min, que somos parte da maioría perxudicada pola aplicación dos desexos e prácticas dunha minoría. E sobre eses alicerces constrúe o economista surcoreano e profesor en Cambridge un manual comprensíbel, malia que non tanto como pode indicar o seu título.

Á marxe dos asuntos económicos, Chang amosa o valor da educación


A obra está estructurada en dúas partes. Na primeira descríbense -sempre con estilo accesíbel, o mesmo cós exemplos- os conceptos básicos, os actores e as bases históricas e académicas. Este último apartado ten un interese especial porque non é frecuente atopalo noutros manuais e resulta máis sinxelo entender os procesos se podemos identificar as súas fontes. Na segunda aparecen as cuestións de tipo máis práctico: produción -un aspecto decote descoidado-, desigualdade, traballo, papel do Estado e globalización. Cada un dos apartados ten unha explicación de corte máis teórico e outra coas cifras da vida real. Para facilitar aínda máis a lectura o autor ofrece unha guía inicial para lecturas selectivas en función dos intereses de cadaquén.

Economía para el 99% de la poblaciónÁ marxe dos asuntos económicos, Chang amosa o valor da educación. É responsabilidade nosa ser capaces de comprender as súas explicacións nun eido de máxima relevancia para as nosas vidas, tanta que os libros sobre o tema saen coma cogomelos. Só se os cidadáns seguimos a máxima kantiana de atreverse a saber, poderemos facer valer o feito de ser aplastante maioría.

Economía para el 99% de la población
Ha Joon Chang
Editorial: Debate
Páxinas: 464 Prezo: 24,90€

Comentarios