Opinión

En silencio

ESTA SEMANA SANTA  algúns cines tiveron a xenial idea de poñer ‘Ben-Hur’ para acompañar as estreas de quenda. Fóra do que miña dona cualifica de obsesión pola escena das galeiras con Charlton Heston amarrado ao banco, creo que é unha idea magnífica. E outras películas merecerían ese trato, por exemplo ‘Platoon’, aquela revisión artística da Guerra de Vietnam que lle deu un Oscar a Oliver Stone.

Stone desapareceu hai tempo do panorama da ficción para entrar no do activismo político, cun punto de xiro claro que foi o filme ‘JFK’. Un dos seus últimos proxectos foi unha serie en dez capítulos sobre ‘La historia silenciada de Estados Unidos’, en colaboración co historiador Peter Kuznick. Desa experiencia televisiva xorde un libro publicado agora en español por La Esfera de los Libros que transita pola senda aberta por un Howard Zinn aínda que con máis atención á historia oficial e menos á das minorías.

Existe toda unha corrente académica, representada de modo senlleiro en España por Josep Fontana, que levou a cabo dende o 11-S unha relectura da historia estadounidense posterior á Guerra de Secesión

Existe toda unha corrente académica, representada de modo senlleiro en España por Josep Fontana, que levou a cabo dende o 11-S unha relectura da historia estadounidense posterior á Guerra de Secesión. Non é a historia dun país, senón a dun imperio trasatlántico, un imperio que extendeu os seus tentáculos pouquiño a pouco: de Monroe ao Comodoro Perry, da compra de Alaska á Enmenda Platt, da canle de Panamá aos 14 puntos de Wilson e do illacionismo ás guerras e as bases por todo o mundo e ata o espazo exterior se lles deixaran. A política ao servizo do que Eisenhower denominou ''o complexo militar-industrial''.

Esta semana os periódicos de todo o mundo ocuparon as súas portadas co ''histórico'' acordo entre as potencias e Irán para o control do programa atómico do país persa. Toda a fanfarria é moi típica da política exterior estadounidense e ignora o feito de que non é máis ca unha resolución moi parcial dun problema completamente xerado... polos mesmos estadounidenses.

Foi Estados Unidos quen botou ao Mossadeq nos 50 cunha operación da CIA -como ilustra Stone-; foron eles quen instauraron o sah para controlar o petróleo e foi Jimmy Carter quen aprobou a venda de oito reactores nucleares a Irán -como demostra Stone-; foron os mesmos que obviaron o fundamentalismo islámico e temían non se sabe que goberno comunista; e tamén foron os que armaron ata os dentes a iraquíes e iraníes para que se matasen durante preto de dez anos, aproveitando ademais os cartos dos ayatolahs para financiar a Contra nicaraguana. Todo isto, documentado de xeito perfecto na obra que lles presento. Agora, boten un ollo ás primeiras destes días sen rirse do pobre Obama. Non será sinxelo.

Boten un ollo ás primeiras destes días sen rirse do pobre Obama. Non será sinxelo

Outras moitas cousas pasan en silencio se atendemos á historia oficial, a que escriben os vencedores -pero que non é a única, por sorte-. E nin sequera con todo o seu esforzo conseguen os autores captar as vilezas estadounidenses: por exemplo, eu botei de menos algunha referencia ao xenocidio en BanglaDesh, ilustrado hai ben pouco por un libro premiado, ‘The Blood Telegram’, que aínda non foi traducido penso. Millóns de bengalíes foron masacrados polos paquistaníes coa connivencia explícita de Nixon e Kissinger. Había que loitar contra o comunismo.

Moitos feitos permanecen agochados e irán saíndo á luz co paso das décadas e os anos. O que parece claro é que considerar os Estados Unidos unha forza positiva da historia cos acontecementos que relatan Stone e Kuznick é practicamente imposíbel.

O uso complementario da escrita e a imaxe permitirá que todo aquel que queira poda acceder sen atrancos a uns temas en ocasións complexos pola xeopolítica, pero que son básicos para comprender o que sucede na nosa vida diaria con temas como o islam, o petróleo ou a loita da esquerda por acadar a igualdade e desafiar o desmonte de estruturas provocado polo movemento neoconservador.

La historia silenciada de Estados Unidos
Oliver Stone+Peter Kuznick
Editorial: La esfera de los libros
Páxinas: 1.056
Prezo: 39,90

Comentarios