Opinión

Apocalipse

A meirande parte de vostedes coñecerán a Antón Bao pola súa actividade política. Non serei eu quen desprece a súa tarefa no Concello e a Deputación de Lugo, pero moi dificilmente igualará o seu traballo como profesor e mestre -que non é o mesmo unha cousa cá outra-. Se non lembro mal, e podo lembrar mal, foi el quen puxo no meu instituto como lectura obrigatoria o ‘Mecanoscrito da segunda orixe’ do autor catalán Manuel de Pedrolo. A tal momento xa case que dá igual que fose el ou non, porque no meu maxín quedaron unidas obra e persoa.

O ‘Mecanoscrito’ é unha historia apocalíptica na que dous rapaces sobreviven a un holocausto mundial provocado por extraterrestres e teñen que amañar a súa vida nun mundo devastado. Supoño que Alba e Dídac terían atopado necesario un curioso libro publicado por Lewis Dartnell, investigador na universidade inglesa de Leicester, titulado ‘The Knowledge’ e traducido en español ‘Abrir en caso de apocalipsis’. As cubertas marelas aumentan a sensación de libro para tribus modernas -‘nerds’, ‘geeks’ ou chámense como se queira-.

O autor amosa unha gran capacidade para reflexionar sobre catástrofes e escenarios desastrosos

Poderíamos dicir que se trata dun manual de supervivencia para persoas con magnífica formación, que mestura con acerto coñecementos teóricos (ciencia) e prácticos (enxeñería). O autor amosa unha gran capacidade para reflexionar sobre catástrofes e escenarios desastrosos, non só con orixinalidade senón con practicidade. O obxectivo final do manual non é só a supervivencia senón a construción dunha sociedade o máis semellante posíbel á que agora disfrutamos, pero sen os problemas que nos asaltan.

Non obstante, non se trata dun libro para todo tipo de hecatombes. A poboación do planeta Terra pode desaparecer ou minguar de xeitos sorprendentemente variados e en boa parte deles a obra de Dartnell tería a mesma utilidade ca ‘Sempre en Galiza’, verbigracia. O autor constrúe uns plans complexos a partires da suposición de que poderiamos contar cun periodo de graza e coa meirande parte dos recursos actuais a disposición dun grupo de, poñamos, dez mil persoas. Hai un chisco de trampa nisto, pero é preciso recoñecer que ese suposto dá bo un fío conductor á obra, que por momentos chega a lerse como unha novela distópica.

Aceptemos a hipótese de traballo e reflexionemos sobre nós mesmos como lectores e posibeis aplicadores das instruccións ofrecidas. A verdade é que estariamos claramente divididos en dous bandos, como xa anticipamos: científicos e enxeñeiros. Pola miña parte, non teño moitos problemas en entender como funciona, verbigracia, o proceso de Haber-Bosch para conseguir nitróxeno como fertilizante. Pero dado que teño serias dificultades para utilizar un desparafusador e a mesma formación experimental ca miñas sobriñas, todas menores de cinco anos, ao mellor entendelo e explicalo non vale de moito. Por outra banda, non acabo de ver os tipos máis mañosos que coñezo desenvolvendo un proceso químico para un elemento químico que non distinguirían do tantalio.

Nesta tesitura entraría en xogo o invento máis importante do ser humano: a sociedade mesma. E máis en concreto, a sociedade do coñecemento, a capacidade para cooperar e aumentar exponencialmente aquelo que se pode producir. Eu, como hobbesiano convencido por vía experimental e eterno desconfiado ao respecto da misericordia humana -comezando pola miña mesma-, creo que antes de construír un sistema de produción de enerxía na ponte romana os supervivintes atoparían o xeito de fabricar escopetas postapocalípticas para acabar uns cos outros, sempre e cando non atopasen máis cómodos e efectivos os paus e pedras. Despois diso, os máis fortes poderían reconstruír medicina, agricultura, vivenda, transportes e sistemas enerxéticos con tantos defectos como os que agora existen. Dificilmente dunha apocalipse pode nacer unha utopía, malia os entretidos intentos de Dartnell e De Pedrolo.

Comentarios