Blog | Fan Zone

FAN ZONE | Retrato dun gañador

Lezkano, en el duelo ante el Sammic. XESÚS PONTE
photo_camera Lezkano, en el duelo ante el Sammic. XESÚS PONTE

BILL SHANKLY aceptou o posto de adestrador do Liverpool en decembro de 1959, cos reds en Segunda. O 12 de xullo de 1974, para sorpresa xeral, tomou o camiño da retirada tras gañar tres ligas, dúas copas e unha Uefa. Ocupou o banco de Anfield o seu segundo, Bob Paisley. na metade de tempo ergueu seis ligas e tres Copas de Europa, uns éxitos que o seu mítico predecesor e mestre nin soñara. A relación de Shankly co Pool está no plano sentimental, por iso David Peace lle dedicou unha excelente novela; a de Paisley, sen desprezar o emocional, atópase no museo do club.

Se seguen a actualidade do Breo matino que a estas alturas xa colleron o símil. Natxo Lezkano levou ao Breogán ao paraíso da ACB tras doce anos. Nese tempo pasaron polo banco celeste diferentes técnicos e nas últimas semanas un recibiu especial atención: Lisardo Gómez. Se consideramos este ascenso un proceso (palabra moi de moda no baloncesto NBA), Lisardo puxo os primeiros chanzos da escada. E foi Lezkano quen rematou o camiño, algo que agora todos damos por suposto precisamente porque sucedeu.

Non é sinxelo bosquexar o retrato do adestrador do Breo. Viña a Lugo con fama de ultradefensivo... e ofreceu o baloncesto máis rápido e ofensivo en dúas décadas. Quizais a pegada desoutra personalidade quede na prudencia e ata incomodidade que transmitía nas roldas de prensa previas aos partidos. O estereotipo vasco facía que moitos pensásemos nun home expansivo, que conectase co lado épico e ao tempo satírico dos fanáticos breoganistas... pero en realidade hai nel algo de Unamuno, quizais o bilbaíno máis universal, de reflexión existencial e contención no éxito porque o fracaso está á volta da esquina. Eu agardaba velo comigo na Fonte ... pero a verdade é que deixarse levar pola euforia tampouco era algo esperábel no seu caso e non se mollou.

Todos levamos un adestrador dentro, así que todos a nosa opinión e valoración sobre o traballo de Lezkano. Unha das correntes máis estendidas é a que recoñece o seu traballo e tamén o feito de que contou cun grupo de xogadores amplo e de calidade, algo que poucas veces ocorrera nesta ducia de anos. E eu estou en boa parte de acordo.

Pero saben que? Gañar é fodidamente difícil. Os partidos de baloncesto non son coma os filmes de Hollywood: os bos non sempre gañan. Hai un salto máis grande do que parece entre competir (digamos, estar os catro mellores conxuntos dun campionato calquera) e Gañar, con maiúsculas. as maldicións dos cuartos de final ou das finais perdidas existen por algo. E durante 32 partidos e unhas cantas semanas de verán, Natxo Lezkano e as persoas que o rodean e traballan con el foron quen de manter sostidamente a actitude do vencedor.

As historias dos grandes equipos fanse de derrotas gloriosas e vitorias necesarias. Algúns seareiros quedarán coa emoción, outros co resultado... algúns con ambos. O certo é que o ascenso do Breo leva a faciana de natxo lezkano e o seu traballo. E para que lles vou mentir, eu sempre fun un resultadista.

Comentarios