Opinión

Os zapatos que flotaban na marea

ESTE VERÁN non pisei Ribadeo. Os turistas son seres chegados do espazo interior. Gústame pasear polas rúas de sempre, falar coas mesmas persoas. Quero poñerme ao día das comuñóns na parroquial de Santa María, os nacementos en Burela, os divorcios en Mondoñedo e os decesos en California. Manolo del Río contoume por qué chamaban California ao cemiterio,tan azul sobre a ría. Os estudantes faltaban a Formación del Espíritu Nacional. Sentaban na traseira do camposanto. Levaban novelas do oeste de Marcial Lafuente Estefanía, que era un enxeñeiro apestado; un republicano, como quen di. O noso John Ford paseaba por praia América, en Vigo. Tiraba planos americanos coa cámara de escribir. 

Gústame ir a Ribadeo en outono cando os varrendeiros pasaron a vasoira pola maleta e o sol. Podo andar entre as casas, lembrando cada amigo. Onte volvín ás Illas, a praia da infancia. Ten as mesmas formacións rochosas que as Catedrais, pero isto sabémolo os ribadenses en petit comité. Fun á praia neste outono revirado que se resiste a chover. Non me gustan os bañistas nin as toallas, nin as cremas solares; por moito que ame o pop. A praia, morrendo setembro, é un paseo marítimo virxe no que ningún alcalde meteu as súas mans de formigón.

Camiñaba pola beira na longa marea baixa. Vin un flotador exiliado dun petroleiro, abandonado. Os flotadores son colares que salvan nenos e náufragos. Pousei os zapatos para facer unha foto alegórica, as únicas que sei facer, para o Instagram. Veu unha onda grandísima, a Moby Dick das ondas. Marchou cos meus bonitos tenis amarelos. Parecían dous iates pertencentes a viúvas francesas da Champaña no horizonte. Suponse que me criei a 300 metros do mar; suponse que coñezo o mecanismo das mareas.