Opinión

Xoán tirará o reloxo ao Miño

CAMIÑO POR diante da Escola de Música, en Quiroga Ballesteros. Hai sol, todavía. As nubes aguantan sen romperse pola barriga. Son un globo gris que algúen enche con auga. Cando rodaban Cantando bajo la lluvia o director andaba preocupado porque se vía a Gene Kelly empapado mentres subía dun salto a unha farola, pero non se notaban as pingas. Botaron leite na auga para regar a escena.

Crúzome a David, camareiro nas Bodegas de San Vicente. "Tes que facerme unha entrevista cando me xubile", solicita. Fareilla. Representa medio século do Lugo que bebe en lugares públicos.

Vexo pasar a Xoán Guerreiro. Convídoo a un café na Modernita. Prometo chamalo algún día. É mentira. Non vou facelo porque os dous vivimos en Lugo. O rosario dos días parece infinito. Xoán cóntame que se xubila como artista en outubro, cunha mostra na galería de Jorge Espiral; a sala axeonllada aos pés da catedral. Cando se retire como pintor vaise dedicar a pintar, "pero a pintar o que me apeteza". Leva corenta anos facendo series de cadros: series de trens, series de faros, series de mares, series de prazas do Campo,... Non imaxino a Xoán vivindo cun reloxo cego. Ten outra serie: unha lista de vilas que vai visitar cando se xubile. Empeza polo A, Annecy. Cando os calvinistas vivían a súa euforia en Suíza, os católicos trasladaron o bispado de Xenebra a esa cidade francesa. Francisco de Sales xubilouse como bispo en Annecy. Os protestantes acusárono de asasinato. Para fastidialos, percorría a vila deixando follas con sermóns como A arte de aproveitar as nosas faltas. Os nenos calvinistas ríanse. Facían barcos de papel para zarpalos no río Thiou. A lista de vilas de Xoán remata no V de Valverde del Camino, en Estremadura. Tiven unha noiva alí. Pareceume guapa ata que descubrín que botaba allo na ensalada.

Comentarios