sábado. 25.09.2021 |
El tiempo
sábado. 25.09.2021
El tiempo

Xeranios coma repolos de Mondioñedo

UN CLIENTE entrou no ultramarinos de Manín. Era delgado e de cellas grises que parecían nubes. Pediu medio quilo de figos.

Sinalaba unha froitas negras coma bágoas xigantes. En Ribadeo os figos son verdes e as béveras, negras. O señor sinalaba con certeza. Manín non se estranou. Reparei en que a diferenza de cores que facemos en Ribadeo é un localismo. No resto do mundo chámanse béveras aos froitos de San Xoán e figos, aos de San Miguel. Depende do mes en que madurecen.

As figueiras plantábanse para fundar cidades. Eran o símbolo da pedra sobre a que se construirían. Tamén a froita preferida de Platón. Axudouno a pensar aquela teoría sinistra de que a realidade que percibimos é falsa. Para o filósofo grego estamos dentro dunha caverna, de cara a unha parede. A luz entra pola porta e dános nas costas. Pensamos que esas sombras que proxectamos é a realidade.

Todos os figos que coñecín durante o primeiro treito da miña vida foron os verdes. Pensar neles aínda me produce a emoción da aventura. Saltaba a tapia de Benita para colectivizalos; é dicir, para papar froitos dunha figueira allea. Benita tiña unha horto recollido e colorido. Aínda en Ribadeo é citada unha sentenza súa: «Teño xeranios coma repolos de Mondoñedo», presumía.

O estanco de Benita estaba fronte á igrexa de Santa María do Campo. Cando o cura mandaba marchar en paz de Deus as mulleres máis devotas gardaban os rosarios nos bolsos. Camiñaban ata o estanco.

Benita non se explicaba a velocidade á que se evaporaban as botellas de caña. Platón dicía que "o viño é o leite dos vellos". Non sei sobre que falaban aquelas mulleres. As persoas que senten intensamente falan pouco.

Xeranios coma repolos de Mondioñedo
Comentarios