sábado. 17.04.2021 |
El tiempo
sábado. 17.04.2021
El tiempo

Xardas coa fronte ao aire

OS VENRES tes que saír cedo para a pescadería se queres atopar xardas brillantes que "sacan las frentes al aire claro desde el fondo del mar", escribiu Lope.

Lugo ten un espertar lento, coma un neno domingueando na cama. Aínda non son as nove. Crúzaste con rapazas pegándose á muralla para seguir durmindo, pandas de mozos tirándose das mochilas para facerse perder o equilibrio. Avogados atravesan o paso de cebra do Cárcere Vello con cara de dilixencia penal, algunhas nais peitean coas mans pálidas nenos que bocexan á altura do Círculo. A mañá de onte estaba fresca. Un pai de abrigo austríaco e unha meniña de chaqueta granate e uns seis anos camiñaban diante dos edificios do Seminario. O pai contáballe que ían comprar un piso tras esas fachadas tan grises e feotas. A cativa dixo: "Non quero comprar unha casa, quero construíla".

Lembroume á miña filla, que xa sabía que o destino vén marcado polo carácter con esa idade. Medrou. Non perdeu o ánimo nin a determinación, pero xa non debo calmar esa enerxía brava. En 2007 voamos entre Alacante e A Coruña con escala en Madrid. Sara nunca foi sentada nun avión. En cada voo conseguía facer graza ao persoal que atende aos pasaxeiros coa melena loira e o sorriso aberto. A súa determinación facía que sempre lograse entrar na cabina dos pilotos. Aquel dobre voo de regreso a Galicia non foi unha excepción. No primeiro avión e no segundo viaxaba Álex Casademunt, que a miña pícara coñecía polos Lunnies. O cantante tivo a mística paciencia de entreterma toda a viaxe con cancións e xogos.

Da volta da pescadería atopei a Maracaibo. Vestía un traxe suave, beige, dos anos 70. Paseaba ao sol de Quiroga Ballesteros. Conteille o de Casademunt. Respondeu: "Por que pensas que eu non morrín todavía? Porque é desagradable".

Xardas coa fronte ao aire
Comentarios