lunes. 20.09.2021 |
El tiempo
lunes. 20.09.2021
El tiempo

Unha voda en Outeiro de Rei

RAMÓN CARBALLO marchaba exultante entre Campo Castelo e a consistorial. Parecía estar adestrando para dentro de dous anos A maioría de candidatos son nomeados por exclusión. Comentoume que o congreso de Outeiro vai ser suave e ordenado. "O PP é un partido unido". Os congresos son coma as vodas: quen non está contentos disimula. Eugenio Corral reveloume que conserva amigos no Bloque de cando era concelleiro popular.

Carballo camiñaba despreocupado. Levaba unha carteira feita de coiro ministerial. Os congresos cárgaos o Demo. Por moito que molles a pólvora antes de entrar, sabes o cargo co que entras, pero non con que cargo saes.

O problema na cúpula do BNG é o mesmo. Os Cinco están fartos de amarse no corazón quente do Consello Nacional e de levar os cativos xuntos ao parque. Xabi Campos tivo cabeza para aconsellar a Ana Pontón que marchase facer reiki un par de meses.

As casas de apostas empezan a cotizar por Miñones na candidatura á Xunta. O PSOE galego é un bebedeiro de patos. Agora busca o punto medio virtuoso entre Caballero e Besteiro. Nas batallas gaña quen non participa. Non sae morto nin ferido. Leo a Martín Piñeiro que Gonzalo visita Ferraz coma se fosen os Milagres de Saavedra. Pero en Ferraz están cambiando a cociña de vitrocerámica a indución. Caballero non atopa ninguén que o acompañe no sentimento nin quen o alivie.

Entre mentres, Besteiro soltou a lebre de Formoso para manter un ritmo vivo na carreira. Corre o perigo de ser recordado coma unha nota á pé de páxina no socialismo galego. Formoso vai axudalo porque carece de interese en levantar as persianas de Monte Pío.

Unha voda en Outeiro de Rei
Comentarios