Opinión

Viva Antes!

RESULTA  habitual que esperte ás catro da madrugada. Dou recordado o soño. Ramón Tamames alegrábase onte da saúde noturna de Pedro Sánchez: "El buen sueño crea figuras celestiales en vez de monstruos, como decía Goya". Respecto a grandeza intelectual do profesor, trato de ignorar a súa escasa lealdade cara aos seus camaradas do PCE, que tan honrada e inmoladamente foron a Resistencia contra a ditadura. En marzo de 1976, Ano I Despois de Franco, Tamames organizou unha manifestación a favor da liberdade que o empuxaría ao cárcere de Carabanchel. Trece anos despois, saltou sen rede de Izquierda Unida ao CDS, a start up para ilusos de Adolfo Suárez.

A frase de Goya que citou Tamames aparece no augaforte Capricho 43: "El sueño de la razón produce monstruos". O pintor refírese á súa confianza de que a lóxica alivia a ignorancia dun pobo supersticioso guiado por curas de capotes renegridos e sostida por gobernantes estraperlistas.

Quería contarlles o meu soño. Vox logra a maioría absoluta en decembro. Na miña fantasía, España é unha mestura entre as películas Los santos inocentes, cos señoritos co pelo pringado de gomina e os criados coma sabuxos cheirando coellos, e Manolo La Nuit, con Alfredo Landa paseando o seu 1,65 en bañador por unha praia de Torremolinos. Esperta a líbido dunhas preciosas suecas a base de abombar o peito alfombrado. As outras esferas da vida tamén son de liberdade. Os condutores beben seis carajillos —como lucidamente reclamaba Aznar— e deixan inservible o cinto de seguridade, os pais fuman no paritorio, os homosexuais teñen prohibido o "pecado nefando" de amarse e a mina muller —isto si que é unha fantasía— pídeme permiso para abrir unha conta bancaria no Santander.

Comentarios