Opinión

Vitiña saudou:"Dicíamos onte"

O CAFÉ PÚBLICO, comunal, con vistas, volveu correr polas nosas aortas. Fun na busca da alegría a La Modernita. Vitiña serviume vinte días máis tarde o mesmo café só, amargo e quente. Cando sentei saudoume como Fray Luis: "Diciamos onte"

Preguntoume se ía escribir hoxe sobre o Mercado. "Escribirei do mesmo que sempre. De todo e de nada". Estaba contenta coma as flores que rodeaban San Pedro. A igrexa parecía menos escura ca antonte e menos húmida ca hoxe grazas os postos verdes e azuis dos praceiros.

Bertorella deixou que o invitase a café. Mirábame por riba das gafas con óculos que parecen moedas de prata curtadas pola metade. "Cobrei a paga, pero eu baixo e a vida sube", sinalou con aire de Quevedo: "El dinero nace en las Indias honrado, donde el mundo le acompaña; viene a morir en España y es en Génova enterrado". Pareceume que falaba de Bárcenas, pero é un vello sensato. Conservador, quero dicir. Logo se revelou. "Viches o de Pablo Iglesias, Jaure? Quere levar o Goberno á rúa e meter a rúa no Goberno".

Dani quitou da súa casaca con follas de camuflaxe unha navalla pequena, vernizada, con raias vermellas. Comprouna na Lexión. Marcou uns números na mesa. Sumou. Levantou a cabeza, determinada polos ollos azuis. "Os 4 millóns de euros entregounos sen que llos pedisen. De onde quitou eses cartos? Por que os entrega se ninguén sabía deles? Quere volver poñer a bata e as zapatillas que lle quedaron na Zarzuela, pero abrir as portas unicamente serve para que che entre o aire na casa".

Saio do Mercado, vou mirando as flores de San Pedro como se puidese acaricialas cos ollos. En Recatelo un cura ortodoxo con sotana lixeira e azul ceo fala eslavo. A nova realidade é estrana e fascinante como un dragón perplexo no medio da tormenta.

Comentarios