Opinión

Vestir santos

ASÍ, ENTRE nós, o matrimonio tampouco é o mellor invento humano. Eu tiña día libre e a muller espertou cando aínda non puxeran o nome ás rúas de Lugo

A miña muller con varias horas para pensar e sabedora de que teño varias horas libres é unha combinación perigosa. Tiven un compañeiro que nunca lle dicía á súa santa cando libraba. Un día chamouno ao xornal. "Non está", dixen. Ela insitía en que si, que lle tocaba traballar. O compañeiro marchara comer un cocido a Chantada. Nada dixen. A señora notou ao outro lado do teléfono que eu me puxera colorado. Ignoro como acabou o cocido porque a muller estaba furiosa, pero non sei se ela marchou para Chantada.


O asunto é que a miña muller decidiu que o colchón que temos en Lugo impide que durma ben. "O mellor é cambiar ese colchón polo de Ribadeo". A min, a golpe das oito menos cuarto da mañá e co Pemán do móbil augurando chuvia, ocórrenseme 314 cousas mellores que facer que baixar un colchón ao garaxe, metelo no coche, conducir 90 quilómetros, baixar un colchón noutro garaxe e subilo a unha casa.

Nos anos 70 houbo unha cuadrilla de portugueses que andaba por Galicia renovando santos. Daquela, cando unha rapaza deixaba que se pasase o arroz nupcial, dicíase que quedara "para vestir santos". Os portugueses buscaban cristos, apóstolos e virxes dos séculos XVI e XVII, facíanlles unha copia e prometían desfacerse da figura vella.


A encarga do colchón tal vez me permitiría ir a Chantada comer un cocido en vez de ir a Ribadeo e volver co mesmo, pero a muller avisárame de que o colchón ribadense "mide dez centímetros máis".