Mussolini medía 1,68 centrímetros. Franco era cinco centímetros máis baixo. Franco deu un golpe de Estado para poder desfilar polo barrio de Amboage, en Ferrol, vestido de branco almirante. Fora rexeitado na Mariña por curto, pero non sei se de estatura ou de entendedeiras.
Miraba agora unha fotografía de Mussolini no deserto de Libia, de cando o conquistou para formar "a cuarta beira de Italia" e vingarse da derrota dos romanos en Cartago. Proclamouse "defensor do islam" e algúns outros títulos coma noces baleiras. Aparece montado a cabalo, como todos os ditadores cativos. Levanta unha espada beduína ao ceo protector de Paul Bowles. O sabre fora fundido polo xefe dos camisas negras en Florencia porque ningún ferreiro beduíno quixo traballar para o sátrapa. A espada loce brillante e limpa. A masacre libia foi dirixida por Benito, pero lavou as mans do sangue dos nómades locais.
Baixei á avenida de Ramón Ferreiro, onde Tráfico. Caducárame o permiso internacional de conducir. Non preciso del porque nunca conduzo aló de Rábade; de feito, non conduzo. Unha vez conducín ata o santuario de Lourdes, nos pés de Francia. O único milagroso que atopei nesa cova de roca viva e sagrada foi un sitio para aparcar.
Gústame ter o carné internacional porque me autoriza a levar un coche en seis ou sete idiomas. Pensei que, a estas alturas do milenio, me darían unha tarxeta de plástico, anodina e triste como a do Santander. Para a miña felicidade continúa sendo unha cartolina gris dobrada cunhas páxinas de gramaxe notable en verde pálido.
O primeiro idioma é o francés. Francia tivo unha influencia patente en África. Macron négase a retirar o seu embaixador de Níxer pese a todas as falcatruadas que lle están facendo os golpistas de cortarlle a auga e a conexión a Netflix. O carné recórdame á documentación que manexa Rick, o taimado Humphrey Bogart na película Casablanca. Aínda a botaron o outro día en TCM, como sempre que fai calor. O meu pai traballaba para unha empresa británica, pero o pasaporte estaba escrito en italiano. Cando os camisas negras foron derrotados en Libia entraron os ingleses. Con todo, o italiano continuou sendo o idioma oficial.
O meu pai vivía no medio do deserto, nunhas tendas longas brancas de algodón, onde durmía con setenta suecos e noruegueses. Cada tres meses voaban nun avión de hélices a Trípoli. Alí bebían en cafés de estética colonial arañada e vía a rapazas de óso ancho bailando a danza do ventre. Unha semana máis tarde volvían ao deserto, subían ao Land Rover descapotable e pensábanse Lawrence de Arabia para soportar a monotonía da area. Eran recordos que contaba el nas sobremesas, cando celebrabamos as percebadas que traían as mareas vivas de setembro.