Opinión

Un vermut en Santirso

ESTABA COCENDO vainas cando acordei de Baroja. As vainas son para os vascos o que vostedes chaman xudías verdes.

As miñas tías carlistas cociñaban as xudías nunha pota de ferro do Sargadelos orixinal. Usala  era cruel. O fabricante, Antonio Ibáñez, foi acoitelado en 1809 por afrancesado e liberal. Absolutistas e resentidos derrubárono do cabalo en Ribadeo cando fuxía

.
San Isidoro de Sevilla explica no libro De bello et ludis (De guerra e xogos), do ano 620, que vaina procede de vaxina e que se refire á funda da espada

.
O sábado estiven en Santirso de Abres. O meu amigo Mediante levoume descapotado no seu BMW vermello dos 80 tomar un vermut en Asturias. Santirso toma o nome de Pedro Bermúdez de Santisso. Combateu ao rei de Francia nas Guerras Italianas de 1559. Chegou a mariscal de campo.


Santirso queda a desmán da Nacional. Nunca baixara. A Wikipedia calcula 421 veciños, pero o alcalde, Clemente Martínez restou: "Somos 420". A morte é mais rápida que as enciclopedias. Clementé é un home guapo, cunha sombra de aguia nos ollos. "O noso territorio está rodeado por concellos galegos", fíxome ver. Non souben interpretar se cría positivo ou negativo estar dentro dunha vaina xeográfica.


Falamos das partidas carlistas de El Estudiante. O seminarista de Castropol organizara algunhas na comarca en 1836. Despois andou co xeneral Gómez, que entrou en Galicia pola Fonsagrada. Baroja repetiu esa expedición en 1949. Na pensión fonsagradina atopa unha rapaza que "lee literatura moderna, ¡Qué decadencia!". En Lugo "hay muchos campesinos con bigote y vestidos de ciudadanos. Está uno acostumbrado a verlos afeitados y con un traje sencillo". Baroja vólvese plano cando sae das terras vascas. Escribe coma un xeógrafo.

Comentarios