Opinión

Vantaxes de viaxar en tren

Pensabamos que o bipartidismo era a obsolescencia programada da ditadura. Entubaron ao Ferrolanísimo para que vexetase ata o 20N, cabodano do fusilamento de José Antonio. O bipartidismo xa non vai de que gobernen hoxe os socioliberais e en 2023, a Escola de Harvard.

O Goberno anunciou 1.700 millóns para Barcelona e 1.600 millóns para Madrid. Para investir en aeroportos, tanto ten a excusa. Pedro Sánchez é máis espilido do que pensa Miguel Tellado. O presidente chegou á conclusión de que o secreto para a unidade de España é manter un equilibrio bipartidista entre Madrid e Barcelona. O resto somos paisaxe.

O sorprendente é a submisión canina coa que aceptamos esta discriminación en cidades como Lugo. Eu podo escoller entre os días pares e os impares para viaxar en tren a Madrid ou para plantarme en 18 horas en Barcelona. Podo optar entre ir por Monforte, á Coruña ou quedar na casa. Libertad, chámanlle na Puerta del Sol. Tamén podo montar en bus para ir á Mariña ou, se me apetece máis, a Santiago. Sinceramente, dispor de tantas opcións faime sentir confuso. Diderot, o meu querido enciclopedista francés, denunciaba que "a democracia detense nos arrabaldos".

Os contribuíntes que non residen en Madrid nin en Barcelona deben viaxar unhas horas para gozar da ampliacións dos aeroportos. Divídense entre patriotas e nacionalistas. A diferenza fixouna George Orwell.

Os patriotas consideran que investir en Madrid é un trámite do BOE; facelo en Barcelona, unha concesión aos independentistas. Os nacionalistas observan como centralismo cada euro destinado a Madrid e como xustiza territorial os orzamentos que van a Barcelona. No medio, estamos poucos. Se me desculpan vou facerme outro café. A ver se chega para todos.

Comentarios