miércoles. 14.04.2021 |
El tiempo
miércoles. 14.04.2021
El tiempo

Van faltando as mazás

A miña muller é sutil. "Van faltando mazás", indicoume ao espertar.
Mazás. EP
Mazás. EP

A nosa civilización comezou mordendo unha mazá no Paraíso, así que ás nove da mañá fun cara á froitería. Lugo era unha cheminea decorativa cun lume azul. Na praza de Santo Domingo enganchóuseme a bufanda no carro de compra. A bailarina Isadora Duncan morreu en 1926 porque afogou cun pano longuísimo que se enganchou nunha roda cando conducía un descapotable.


Nunca souben levar a bufanda con xeito. Crieime en Ribadeo, onde o clima é templado. Cando me asentei en Lugo Joselo Gegunde deume un obradoiro sobre como debe vestirse a bufanda, sobre os ángulos para envolver o pescozo e a vertente da caída. Esquecín aquela lección maxistral. Agora soamente podo envexar o gusto e o armario de Joselo.


Lugo ardía onte como unha fogueira sen lume. Fixeime na bufanda de Beatriz Vázquez. A concelleira do PP levábaa anoada no centro do xeito que lle baixaban dous deliciosos brazos paralelos. Non daba idea de abrigar, pero si de elegancia. Vázquez fixo unha proposta interesante politicamente: aproveitar o aforo do anfiteatro que amortece no campus de Lugo para actos. Nesta pandemia falta un decamerón para contarnos relatos que nos distraian. Ese foro pode ser un ámbito estupendo.


Ortega y Gasset deu unha conferencia en Madrid en 1928. Para explicarse amosou unha mazá amarela. Quedou satisfeito. Foi a única vez que o público comprendeu o que transmitía. Maite Ferreiro pode intentar que nos visite Isadora Duncan para repetir o seu famoso baile no Partenón de 1902. Quen sabe se a súa morte era unha mentira para elevarse como unha personaxe mítica. Newton inventou a caída da mazá coa fin de ser lembrado como formulador da lei da gravidade.

Van faltando as mazás
Comentarios